Foto Trafico Ponteareas

O PP AO PLENO A QUE SOLICITE Ó ESTADO UNHA PARTIDA ORZAMENTARIA NOS PGE DE 2023 PARA A MELLORA DA N-120 E A VARIANTE DE PONTEAREAS

  • Os populares consideran que agora que se están elaborando os novos Orzamentos do Estado é factible facer esta solicitude para que se inclúa unha partida específica.

Ponteareas, 13 de setembro de 2022.- O Grupo Municipal do PP levará ao pleno unha nova moción en referencia ao financiamento da mellora da N-120 e o proxecto da entrada a Ponteareas, a circunvalación, para instar o Estado a que reserve unha partida económica específica nos Orzamentos Xerais do Estado 2023, tal e como se recollía co Goberno de M. Rajoy en 2018 no que se destinaban 27 millóns de euros para estas dúas infraestruturas.

“En 2018 púxose a Ponteareas no mapa dos Orzamentos Xerais do Estado para acometer estas melloras. Despois da moción de censura e a chegada de Pedro Sánchez ao Goberno de España, esas partidas desapareceron e non voltamos ter financiamento específico nos PGE para o noso municipio. Agora que están coa elaboración do documento queremos que o Concello de Ponteareas inste o Goberno central a incluír unha partida específica dentro do documento que permita a elaboración de ambas as dúas infraestruturas. Non se poden demorar máis”, explican os populares.

O PP trasladará esta iniciativa á Plataforma de Afectados da N-120 e espera contar co respaldo e apoio de todos os edís da corporación.

“É unha cuestión na que debemos estar unidos. A mellora da N-120 debe ser unha prioridade para calquera responsable en política porque é un dos viais con maior índice de sinistralidade e mortalidade do noso país”.