O PP ESIXE QUE O BIPARTITO SOLUCIONE O PROBLEMA DAS PERSOAS QUE ESTÁN DURMINDO ÁS PORTAS DO CONCELLO

  • Os populares fixeron unha pregunta á Alcaldesa no pleno celebrado o 26 de xullo porque cren bochornosa a imaxe que se está proxectando do municipio con varias persoas durmindo diariamente ás portas do consistorio.
  • “Non se pode tratar así ás persoas, terán que dialogar e buscar unha solución. O Concello dispón de vivendas sociais para cando xorden casos deste tipo, e se non cumpren cos requisitos terán que tomar decisións para que abandonen este lugar.”

Ponteareas, 26 de xullo de 2022.- O Grupo Municipal do PP esixe solucións urxentes ao bipartito para acabar co problema social que dende varias semanas se observa ás mesmas portas do Concello, nas que polo menos tres persoas están durmindo de forma diaria á intemperie.

Os populares fixeron unha pregunta no pleno celebrado o pasado 26 de xullo xa que esta situación vense arrastrando desde hai tempo. “A concellería de Servizos Sociais ten que actuar e solucionar este problema. Non é de recibo que esta xente durma nos xardíns do Concello, por cuestións máis que evidentes. Ademais estase dificultando o acceso ás persoas que veñen facer trámites e que saen apenadas da imaxe que se atopan ás portas da administración local”.

O PP preguntou á Alcaldesa canto tempo máis terán que estar estas persoas abandonadas polos Servizos Sociais do Concello para que se actúe e cheguen a un entendemento.

“É inhumano o que se está producindo ás portas do noso Concello. Unha vez máis a falta de diálogo e a prepotencia deste bipartito vese reflectida en cuestións tan básicas como as que se están producindo”.