O PP DENUNCIA UNHA SUBIDA DA TAXA DE VAOS DE MÁIS DO 20% A PARTICULARES E DE ATA UN 50% EN LOCAIS COMERCIAIS

  • Os populares solicitaron ao bipartito a retirada desta nova modificación da ordenanza que sobe o IPC acumulado de nove anos e tarifica por número de prazas de garaxe, entradas e metros lineais.
  • “Coa inflación desbocada e os prezos da enerxía polas nubes o que menos necesitan os veciños de Ponteareas é que lle suban os impostos”.
  • A portavoz, Belén Villar, solicitou, sen éxito, a retirada da ordenanza fiscal, o que propiciou o voto en contra do PP porque de actualizarse o IPC da taxa de vaos debería ser só dun ano, non de nove, e non ter en conta os metros lineais nin o número de entradas.  

Ponteareas, 27 de xullo de 2022.- O Grupo Municipal do PP denuncia que o bipartito (BNG-PSOE) realizou unha suba encuberta coa actualización da ordenanza fiscal que regula o pago dos vaos en Ponteareas.   

“Xustificándose na actualización do IPC, que leva desde 2013 sen renovarse, actualizaron por vontade propia do bipartito a ordenanza aos valores actuais, esta actualización de nove anos supón un 10% de subida. Pero isto non é o peor, cambian a forma de tarificar. Ata o de agora era por número de prazas. A partir de agora veciños e comerciantes pagarán por números de prazas, metros lineais e entradas existentes, o que incrementará en ata un 20% o pago que realizarán particulares e en ata un 50% o que terá que pagar un negocio que conte por exemplo con 25 prazas de aparcamento”, explicou a portavoz.   

A portavoz popular, Belén Villar, explicou que un particular cunha vivenda unifamiliar que pagaba 45 euros/ano por unha entrada de tres metros lineais agora pagará entre un 15% e un 35% máis. Se vive nun edificio, pola entrada ao garaxe se antes pagaban 446€/ano agora poden chegar a pagar 1.000€/ano. En relación a locais comerciais,  un establecemento que pagaba por un garaxe de 50 prazas 500 euros/ano pasará a pagar  875 euros, o que supón un incremento do 57%.    

Os populares consideran que a situación económica actual non é a máis idónea para realizar este tipo de subidas de impostos e lémbranlle ao bipartito que no caso dos comerciantes habería que premialos cunha rebaixa porque están a aguantar as decisións do bipartito de eliminar numerosas prazas de aparcamento.

“O pouco comercio que se mantén en activo é porque presta este servizo aos clientes, cada vez hai menos prazas de aparcamento. En vez de premiarlles cunha rebaixa nesta taxa increméntalla. Isto vai repercutir nos veciños, que serán ao final os que paguen esta brutal subida”.