O PP SOLICITARÁ INFORMES AO CONCELLO E A MEDIO RURAL PARA COÑECER SE CONTABAN CON AUTORIZACIÓN PARA A TALA MASIVA NO PARQUE URBANO FERRO UCHA

  • Os populares revisaron o proxecto e non consta esta tala nin ningún informe ou anexo ao mesmo no que se “recomende a tala” que non é o mesmo que a poda.
  • “As árbores que estaban alí non estaban secas, por iso pediremos estes informes para coñecer os motivos desta tala de máis de 30 especies que xerou gran malestar entre os veciños”  

Ponteareas,8 de xullo de 2022.- O Grupo Municipal de o PP esixirá informes e responsabilidades ao Goberno bipartito así como a Medio Rural para coñecer os motivos da tala de máis de 30 especies, piñeiros na súa maioría, que foron arrincados do parque urbano de Ponteareas Ferro Ucha.   Os populares consideran que “ao bipartito ocorréuselle ampliar un vial e facer unha senda peonil e por iso procederon a talar, que non podar, máis de 30 exemplares de árbores, algúns que obstaculizaban esa ampliación do camiño, pero outros do interior do parque que non afectaban. Esta tala non consta no proxecto da obra que se acomete na contorna”.

O PP que non se mostra en contra de podar e limpar o parque, manifesta que non era necesaria esta tala nin a maneira en que se fixo, “cortando primeiro exemplares sans e de gran tamaño, e ademais que caían sobre outros exemplares como castaños e carballos deixándoos danados”.  

Os populares consideran que se fixo unha tala “agresiva e rápida” para evitar que a oposición tivese marxe de manobra e que os veciños non puidesen manifestar a súa opinión que á vista está é desfavorable, “onte moitos veciños contactaron con Belén Villar para comunicarlle o malestar de que se talen árbores no único parque urbano existente en Ponteareas”.

“É incrible que en todos os pobos e cidades apóstese por crear zonas verdes, foméntese a protección do natural e das zonas verdes nos chans urbanos, para que sexan máis habitables e agradables, e aquí en Ponteareas o bipartito acabe co único parque forestal urbano que temos” lamentan os populares.