A XUNTA ASUMIRÁ A XESTIÓN TOTAL DO COMEDOR DO FERMÍN BOUZA BREY TRAS A NEGATIVA DO CONCELLO A CUSTEALO

  • Esta é unha das reivindicacións que xurdiron na rolda de contactos que a portavoz local, Belén Villar, mantivo coas diferentes directivas dos colexios de infantil e primaria, ademais de ser un compromiso adquirido pola Xunta de que, finalizado o convenio actual, asumirían a xestión do comedor como fan no colexio Nª Sra dos Remedios
  • “A Secretaría Xeral de Educación confirmounos a inminente licitación deste servizo e comprometeuse con outras das demandas trasladadas polos populares no mes de maio”  

Ponteareas, 14 de xuño de 2022.- O Grupo Municipal do PP agradece a disposición mostrada pola Consellería de Educación, a través do seu Secretario Xeral, Manuel Vila, que mantivo reunións nas últimas semanas coa portavoz local, Belén Villar, para tentar liquidar, de fronte ao curso que vén, as diferentes demandas que foron trasladadas polos propios directivos dos centros á presidenta popular, a cal mantivo reunións nas pasadas semanas con todas as directivas de centros de infantil e primaria do municipio.  

“Unha das demandas era garantir o comedor do colexio Fermín Bouza Brey, xa que o Concello transmitiulles a súa idea de non facerse cargo do mesmo. Esta cuestión foi trasladada ao Secretario Xeral de Educación, que me confirmou o compromiso de que finalizado o convenio actual, no que xa colaboran economicamente co Concello, asumirían a xestión do comedor íntegra como fan no colexio Nª Sra dos Remedios. Quero agradecerlle a súa atención e a súa disposición con Ponteareas. Esta mesma semana licitarase este servizo, polo que os nenos poderán seguir facendo uso deste servizo e con menores custos para as 70 familias que o utilizan na actualidade”  

Ademais, os populares están confiados en que se tratará de liquidar o resto de necesidades trasladadas para a mellora de fronte ao curso 2022-2023.