O PP PRESENTA AS SÚAS ALEGACIÓNS AO PROXECTO DA N-120 PARA MELLORAR A SEGURIDADE DO MESMO

  • “Esperamos que o Goberno bipartito, que na reunión solicitada polos populares non presentou ningunha suxerencia en firme, atenda ás nosas peticións para facer unha emenda conxunta que englobe as propostas de todos os afectados”.
  • O PP decidiu  programar para esta semana, o 12 e o 13 de abril, reunións informativas sobre o proxecto nas parroquias que faltaban, Xinzo, Areas e Arnoso, ao terminar o prazo para alegacións individuais o 20 de abril, e visto que o Goberno non realizará ningunha reunión informativa ata os días 18, 19 e 20 de abril
  • O PP solicita que se inclúa unha nova glorieta na intersección da estrada provincial Ponteareas-Ribadetea-Padrons coa N-120,  e  coa zona industrial da Lomba, que non se pechen todos os accesos a viais municipais, o reforzo de pasos de peóns e tamén continuidade da senda peonil no acceso a algúns núcleos, como en Xinzo, o acceso cara á igrexa na Portela.

Ponteareas, 7 de abril de 2022.- O Grupo Municipal do PP comunicou o xoves pasado, na reunión que solicitaron á alcaldesa para tratar o asunto do proxecto da N-120, as emendas que consideran mellorarían a seguridade e o tráfico do vial, melloras sacadas do estudo dos planos do proxecto e das diferentes reunións mantidas con veciños, colectivos e empresarios.

Os populares presentaron un primeiro punto en relación ás marquesiñas e paradas de autobús que non aparecen reflectidas, para que se inclúan, “detectamos polo menos sete que desaparecen” e deben ser incluídas por ser necesarias tanto para transporte escolar como de viaxeiros diarios a outros concellos limítrofes.

A segunda emenda fai referencia á decisión de prohibir o acceso, tanto de entrada como de saída, a varios dos viais municipais das parroquias de Xinzo , Arnoso e Areas, obrigando a partir de agora aos vehículos de veciños e empresas a desprazarse polo interior dos núcleos das parroquias, incluído o tráfico pesado, todos eles camiños que non cumpren cos anchos mínimos impedindo o dobre sentido e os xiros en moitos casos. Os populares expoñen por tanto manter abertos eses puntos, que non supoñen perigo e que derivan a núcleos de poboación como son: tres entradas de acceso a Arnoso , acceso ao barrio Cividá (Xinzo) e manter tamén o acceso da Granxa Escola. Tamén solicitan manter dobres sentidos de circulación nalgúns viais que veñen propostos como único sentido, tales como os accesos en Xinzo  aos barrios da Rocha e A Barreira .  

No punto tres o PP solicita que se continúe a senda peonil, por ambas as marxes da estrada que dá ao núcleo da Portela, “por ser a entrada de maior confluencia da parroquia de Xinzo ”.

A emenda catro  fai referencia á glorieta solicitada hai semanas polos populares, que está proxectada no PXOM, e que non aparece no proxecto da N-120 que agora mesmo está en fase de exposición pública. “A glorieta entre a capela dos Remedios e un taller mecánico, que conectará coa zona da Lomba e coa estrada provincial que vai a Padróns  e Ribadetea debe facerse. Sería un erro deixala fose do proxecto tal e como está agora”. Tamén unha nova rotonda que se sitúe á altura das naves industriais que se atopan na N-120 en Areas  onde existe tráfico constante de vehículos, e que ademais reduciría o percorrido principalmente dos veciños de San Blas en Areas  que para cambiar de sentido deben agora percorrer máis de dous quilómetros”.

Por último, os populares finalizan o documento urxindo a mellora dos pasos de peóns de todo o vial e a incorporación de novos nalgúns puntos. Tamén que se identifiquen con outro material os puntos de acceso por encima da senda a vivendas e empresas que lindan coa N-120, “debemos garantir a seguridade de todos, vehículos e peóns”.

Os populares consideran que é necesario chegar a un acordo unánime e desde o Concello preparar un documento que englobe todas as alegacións de colectivos, asociacións e empresarios, e trasladar as emendas canto antes ao Ministerio e que procedan a corrixir o proxecto.

“Parécenos que o Goberno bipartito chega como sempre tarde, e agora programou reunións para os dias 18, 19 e 20 de abril, cando o prazo das alegacións individuais finaliza o día 20 de abril. Tivémoslles  que ir facendo o que era o seu traballo, con reunións con todos os afectados desde o primeiro día que se expuxo o proxecto ao público, fai tres semanas, e recollendo por escrito as alegacións e emendas. Fáltannos tres parroquias afectadas por visitar, faremos as reunións en Xinzo , Areas e Arnoso esta semana, entre o martes e o mércores, xa que o prazo para as alegacións individuais finaliza o 20 de abril e as colectivas o 4 de maio”.