
O PP SOLICITARÁ Á XUNTA DE GALICIA QUE MANTEÑA OS CONVENIOS ÁS ASOCIACIÓNS QUE EXERCEN A SÚA ACTIVIDADE NA ESTACIÓN DE AUTOBUSES, AOS QUE O CONCELLO DESALOXOU SEN PREVIO AVISO
- “O 1 de abril era a data anunciada polo edil Roberto Mera (BNG) para concluír as responsabilidades do Concello de Ponteareas na Estación de Autobuses, deixando a asociacións como Ponte Solidario e outras nun limbo”.
- “Desde o PP somos conscientes da preocupación existente naqueles que están a facer uso de locais da Estación de Autobuses cedidos no seu día polo Concello, e que se decataron pola prensa do seu deixamento de funcións, que implicaría por lóxica o seu desaloxo, por iso imos esixir á Xunta que se manteñan estas colaboracións”.
- O PP xa mantivo reunións cos afectados e trasladoulles o seu apoio.
Ponteareas, 7 de abril de 2022.- O Grupo Municipal do PP mantivo reunións cos usuarios de locais da Estación de Autobuses, como a Asociación sen ánimo de lucro Ponte Solidario, que desde o mediático anuncio do Bipartito de “entregar as chaves da Estación de Autobuses o 1 de abril á Xunta de Galicia”, atópanse nunha situación de incerteza.
A portavoz popular, Belén Villar, transmitiulles o seu apoio e pediulles calma xa que vai solicitar á Xunta de Galicia que se manteñan os convenios existentes con aquelas organizacións que veñan prestando alí a súa actividade.
“Non se van a quedar na rúa como fixo Roberto Mera, que despois de cederlles un local agora desalóxaos sen ofrecerlles ningunha solución. Se pensaban que a Xunta de Galicia e o Partido Popular de Ponteareas ían deixarlles tirados, están moi equivocados, nós practicamos unha política de diálogo e solucións fronte á política de problemas e confrontación que está a expor continuamente este bipartito e en concreto o edil nacionalista Roberto Mera. Entregan unhas chaves, se é que as entregaron, sen buscar solucións ás persoas e organizacións ás que eles mesmos cederon ese espazo. Déixanos tirados e sen aviso previo. Esixiremos responsabilidades ao Concello e se é necesario a procura dun novo local municipal, que xa debería ser ofrecido antes de anunciar a renuncia á xestión da Estación dos Autobuses”, denuncian os populares.
Os populares manterán unha reunión para concertar a firma de varios convenios de préstamos de locais para estas asociacións para que poidan respirar tranquilos e non sentan ameazados polas decisións dun bipartito que vai á deriva “buscaremos unha transición ordenada e legal para dar saída a esta situación”.