A XUNTA, ACUAES E O CONCELLO DE PONTEAREAS SELAN O CONVENIO QUE PERMITIRÁ A AMPLIACIÓN DA DEPURADORA DA MOSCADEIRA E A MELLORA DO SANEAMENTO CUN INVESTIMENTO CONXUNTO DE 11,7 M€

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, firmou hoxe este acordo coa directora de Acuaes, Rosa Cobo, e a rexedora de Ponteareas, Cristina Fernández.

  • A Xunta achegará 2,3 M€ de fondos propios da Comunidade á reforma e a ampliación da depuradora municipal de Ponteareas, declarada polo Goberno de Mariano Rajoy en 2018 como de Interese Xeral do Estado.
  • As obras posibilitarán o funcionamento da rede, reducindo as infiltracións e propiciando a captación e a separación das augas brancas.
  • Estas obras son o primeiro paso para dotar de saneamento o núcleo de Ribadetea.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2022.- A Xunta de Galicia, Acuaes e o Concello e Ponteareas asinaron o acordo para a execución da ampliación da depuradora da Moscadeira e a mellora do saneamento deste municipio pontevedrés cun investimento conxunto de 11,7 M€.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, firmou hoxe este convenio de colaboración coa directora de Acuaes, Rosa Cobo, e a rexedora de Ponteareas, Cristina Fernández.

O convenio para a execución da reforma e a ampliación da depuradora da Moscadeira é un fito, posible tras a decisión do Goberno de Mariano Rajoy de declarar estas obras como de Interese Xeral do Estado.

A Xunta achegará un investimento de 2,3 M€ de fondos propios da Comunidade Autónoma para a financiación deste proxecto. O resto do orzamento, ata completar os 11,7 M€ necesarios, obterá financiamento dos fondos europeos consignados ao Estado e das tarifas que nos próximos anos abonarán os usuarios.

A conselleira remarcou que para o Goberno galego é unha satisfacción poder contribuír a mellorar o funcionamento e ampliar a capacidade dunha depuradora que se atopa ao límite das súas posibilidades e presenta importantes deficiencias, que lle impiden cumprir cos parámetros normativos.

Estas obras posibilitarán o funcionamento da rede de saneamento, reducindo as infiltracións e propiciando a captación e a separación das augas brancas. Tratándose por tanto do primeiro paso para dotar do servizo de saneamento que aínda carece o núcleo de Ribadetea e que depende desta ampliación da depuradora.

A conselleira lembrou que a Xunta se implicou desde hai anos nesta intervención, pois elaborou un anteproxecto coas actuacións necesarias e tamén colaborou co Concello en actuacións de saneamento e abastecemento.