
O BIPARTITO APROBARÁ NO PLENO UNHA SUBIDA DO 122% NAS COTAS DO CONSERVATORIO E A ESCOLA DE MÚSICA
- “A cota mensual que paga cada neno incrementarase de forma esaxerada. Nós solicitamos que só se actualice a ordenanza en relación ao IPC, como ata o de agora”.
- “Os que se erixen como defensores da Educación Pública e da Igualdade de oportunidades van converter a Educación no Conservatorio de Música nunha actividade de luxo”
Ponteareas, 27 de setembro de 2021.- O Grupo Municipal do PP lamenta a modificación da Ordenanza do conservatorio e a Escola de Música na que van subir todas as cotas que actualmente pagan os usuarios.
“O aumento afecta sobre todo os alumnos do conservatorio. Soben as cotas un 122%. Están a obrigar ás familias para prescindir desta educación. Sabendo que Ponteareas é terra de músicos e a tradición que temos deberían prestar máis axudas e non subir desta forma tan esaxerada as cotas”.
Os populares critican que se faga agora esta modificación, co curso xa iniciado, o que vai supoñer unha gran sorpresa para os pais de alumnos que non contaban con esta subida cando inscribiron aos seus fillos.
“Un usuario que pagaba 20,26 euros ao mes agora pasará a pagar 45 euros ao mes. A matrícula que custaba 167 euros agora pasa a custar 279,90 euros. Unha subida das tarifas que non foi consensuada nin tampouco argumentada. En plena pandemia e recesión económica esta decisión parécenos un castigo aos veciños”.