O PP ADVIRTE QUE O CONVENIO PROPOSTO PARA PAGAR A AMPLIACIÓN DA DEPURADORA (EDAR) PREXUDICA ECONOMICAMENTE AO CONCELLO E SUPORÁ A SUBA ANUAL DO RECIBO DA AUGA AOS VECIÑOS DURANTE 25 ANOS

  •  Os populares aseguran que o Concello de Ponteareas deberá devolver a ACUAES máis de 8 millóns de euros a través da actualización das tarifas que se cobra aos veciños por servizos básicos como o saneamento e abastecemento.    
  • “A interventora municipal, que tivo que redactar o informe o mesmo día que llo solicitou o bipartito,  xa advirte que non se realizou un cálculo estimativo do que vai supoñer a devolución deste préstamo realizado por ACUAES o que podería deixar ao Concello nun grave desequilibrio económico”.    
  •  “Estado e Deputación non achegan un só euro, por iso solicitamos que se renegocie o convenio para que estas administracións tamén colaboren e así o risco económico financeiro que corre o Concello sexa menor”.    


Ponteareas, 23 de setembro de 2021.-
 O Grupo Municipal do PP lamenta a nefasta negociación realizada polo bipartito para a ampliación da EDAR da Moscadeira , que en caso de aprobarse, vai supoñer un grave prexuízo económico para o consistorio e para todos os pontareanos que verán incrementado o seu recibo da auga durante os próximos 25 anos que dura a concesión e explotación da infraestrutura.  

Os populares explicaron que dos 11,7 millóns, que son necesarios para acometer a obra, sen ter en conta o IVE, o 50% proveñen dos Fondos Europeos, 20% da Xunta de Galicia e o Concello asumirá un 30% da obra, iso con respecto á execución da obra, pero a maiores o Concello asume o 21% do IVE de todo o investimento e todos os gastos financeiros que deriven da mesma. “ACUAES adianta ese diñeiro a cambio de que lle sexa devolto en 25 anos, con intereses, mediante a actualización das tarifas que se cobra aos usuarios. A maiores o Concello tamén asume pagar integramente calquera modificado da obra que supoña máis diñeiro, asume parte dos gastos xerais da empresa ACUAES e os gastos de mantemento e explotación que deriven da depuradora durante 25 anos, así como as reparacións necesarias para chegado o fin do convenio devolver a ACUAES as instalacións nas mesmas condicións que foi entregada, de non ser así, a empresa estatal executaría reformas que deberá abonar o Concello.   A maiores deste Convenio para a ampliación da Depuradora na Moscadeira, o Concello debe acometer as obras de toda a rede de saneamento que falta no noso municipio e conectalas coa depuradora, “que visto o visto non sabemos de onde van sacar o diñeiro. É un acordo nefasto para Ponteareas”, sentenciou Villar.  

Os populares, que non poñen en dúbida a necesariedad da obra e a prioridade da mesma, consideran que o bipartito, BNG e PSOE, poden exercer presión nas administracións que agora mesmo gobernan, como Estado e Deputación para mellorar estas condicións e que non recaia toda a responsabilidade no Concello e nos veciños de Ponteareas.

“Preguntamos tanto ao Goberno Bipartito como a ACIP, que na comisión informativa votou a favor, as seguintes preguntas: É un bo acordo para o noso municipio? É un bo acordo para os nosos veciños? Solicitaron investimento ao Goberno de Sánchez e á Deputación? Por que non invisten nada estas administracións coma se fixeron noutros concellos con infraestruturas deste tipo? Estamos dispostos a facer a depuradora a calquera prezo? Desde o noso partido xa lles anticipamos que NON, por iso se non se modifica este convenio o noso grupo absterase na votación do pleno.  

Os populares tamén informaron de que o convenio establece que as obras finalizarían, no mellor dos casos en 2024, polo que sería a partir dese ano que se empezaría a pagar o préstamo. “Isto quere dicir que van hipotecar ás próximas corporacións, que durante 25 anos terán que cumprir con este compromiso adquirido de pago e subir das tarifas aos usuarios.

“Presentamos ao Goberno Bipartito unha proposta de mellora do convenio para que se revise e fágase unha nova negociación que non supoña a ruína do Concello e o encarecemento desmesurado do recibo da auga, saneamento e depuración”.