POR SEGUNDO ANO CONSECUTIVO, O 80% DA PREVISIÓN DE INVESTIMENTO DO BIPARTITO NON SE EXECUTA

  • Os datos da liquidación de 2020 demostran a falta de investimento do Goberno local en Ponteareas, “o 81% do previsto non se executou”.  
  • “Orzaron 13,5 millóns para investimentos e tan só executaron 2,6 millóns. Mesma dinámica que no ano 2019, na que deixaron sen executar 9 millóns de euros”.    

Ponteareas, 4 de agosto de 2021.- O Grupo Municipal do PP denuncia a falta de investimento en Ponteareas que vén arrastrando o Goberno bipartito nos dous últimos anos.  

 “Non o dicimos nós, senón a conta de liquidación de 2020. Dos 13,5 millóns orzados executáronse 2,6 e non poden achacalo á pandemia, porque o resto de Concellos cumpriu coa súa folla de roteiro. Ademais, é unha situación que xa se repetiu en 2019, ano anterior á pandemia, na que o bipartito deixou sen executar máis do 80% da partida prevista para investimento”, explican os populares.  

 Os populares levarán varias preguntas ao consistorio para coñecer que está a pasar e cal é a realidade da situación económica-financeira. “Dos 4 millóns de euros que recibiron de fondos europeos para renovar a iluminación pública non utilizaron, supostamente, nin un. Dos fondos europeos 5 millóns da EDUSI, concedidos a Ponteareas en 2016, só se executou o 20%, o que pon en risco a axuda concedida”.  

O PP lembra ao bipartito que hai investimentos que non poden esperar máis. “Falamos dos 300.000 reservados para a rehabilitación de centros culturais como Guillade ou Padróns. O mesmo sucede coas partidas que fan referencia aos compromisos de ampliar a depuradora, saneamento en Ribadetea e outras parroquias ou o desenvolvemento do Plan Parcial da Lomba”.  

O PP lamenta que mentres a partida de investimento queda sen executar a de gasto por salarios séguese incrementando ano tras ano.