A ALCALDESA, CRISTINA FERNÁNDEZ, SÓBESE O SOLDO UN 50%,

  • A subida dos salarios do equipo de Goberno vai custar 357.000 euros ao ano fronte aos 186.000 euros que custaba no ano 2015.
  • A inicios de mandato xa se subiron os soldos un 60%, e agora pasan a incrementalos ata un 92% mentres as familias, negocios e autónomos dificilmente chegan a fin de mes.

Ponteareas, 22 de xuño de 2021.- O Grupo Municipal do PP considera vergoñoso nos momentos nos que estamos, con familias que dificilmente chegan a fin de mes, negocios e autónomos “sufrindo” para manter as portas abertas dos seus locais, que a nova alcaldesa, Cristina Fernández, e todo o seu equipo de goberno, no canto de preocuparse por reducirlles impostos e taxas, ou por non endebedar con máis préstamos o Concello e o futuro dos veciños que serán os que os paguen, a súa prioridade sexa subirse os salarios do conxunto do goberno.

“O noso grupo denunciara fai un par de días o incremento salarial, baseándonos nos datos que aparecían nun decreto da alcaldesa que aumentaba as dedicacións a dous concelleiros, pero hoxe mesmo, coa convocatoria das Comisións Informativas de Pleno, atopámonos coa sorpresa, ademais dos concelleiros, a alcaldesa tamén se sobe o soldo 15.000 euros ao ano. O PP vai votar en contra deste incremento nos soldos non xustificado”.

O PP lémbralle á alcaldesa que as áreas e concellerías son as mesmas agora, que hai un ano, e tamén as que eran en 2015, e naquel momento as dedicacións do goberno xunto coas asistencias non superaban os 186.000 euros ao ano, e eles mesmos, na oposición naquel momento, dicían que “era máis que suficiente para gobernar un Concello que tiña moitos servizos concesionados”, e agora, con máis servizos privatizados que nunca, xustifican o aumento dos salarios do goberno un 92% ata custar 357.000 euros ao ano.