O BIPARTITO REXEITA FACER OBRAS NA ESCOLA INFANTIL E ABÓCAA AO PECHE DE POLO MENOS DÚAS AULAS

  • Veranse afectadas as familias dos 29 nenos, en idade entre 0 e 3 anos, que actualmente acolle o centro nestas clases.
  • “O edificio non cumpre a normativa e se non se executan xa as obras, a administración autonómica terá que cumprir a lei e pechar as aulas”.

Ponteareas, 30 de abril de 2021.- O Grupo Municipal do PP lamenta a instrumentalización política que está a realizar o bipartito en referencia á adecuación á normativa da escola infantil.

“No seu día a este edificio construído fai máis de vinte anos, fixéronselle unhas obras de mellora e ampliación, executadas con todos os informes favorables e supervisadas polos técnicos municipais, que agora coa nova normativa non cumpren, do mesmo xeito que gran parte do edificio orixinal, polo que, desde hai anos a consellería de Política Social requiriu ao Concello de Ponteareas unha adecuación á normativa. Este problema levou a que, baixo o mandato de Salvador González Solla xa se traballase nun proxecto de adaptación que logrou o visto e prace por parte da consellería en xaneiro de 2019. Desde entón, hai dous anos, a obra continúa sen iniciarse. Non hai vontade por parte deste goberno, porque politicamente queren facer o discurso de sempre “Que mal faio o PP, fan mal as obras e agora péchannos as aulas. É un discurso moi fácil pero que non soluciona o problema”.

Os populares, que se mostran responsables coas familias que fan uso deste servizo, presentaron unha moción ao pleno para que o Concello de Ponteareas solucione de forma urxente o problema e acometa a reforma necesaria que faría que a Xunta paralice o expediente de peche destas aulas. “A nosa sorpresa foi que BNG e PSOE posicionáronse en contra. Queren facer de vítimas dicindo que mal se fixo esta obra e actuar de verdugos, non executando a reforma para terminar pechando esas aulas e confrontar politicamente. Non comen nin deixan comer. Agora, tras esta negativa, terán que explicarlles ás familias deste nenos porqué non poderán facer uso destas aulas. O próximo curso só haberá 6 aulas fronte as 8 actuais, o que agrava a lista de espera existente. Os pais terán que conciliar en garderías privadas porque ao Goberno non lle dá a gana de investir na escola municipal pública. Os que sempre teñen na boca o dereito á educación pública pero cos seus feitos abocan aos pais para levar aos seus fillos a centros privados”, explicaron os populares.