O BIPARTITO VOTA EN CONTRA DE REBAIXAR O RECIBO DO LIXO, AÍNDA QUE A BONIFICACIÓN NON LLES CUSTARÍA NADA POR ESTAR SUBVENCIONADA POLA XUNTA

• Os populares solicitaron na moción que se modifique a ordenanza para aplicar a rebaixa do recibo do lixo nun 10% e que se faga con caracter retroactivo.

• “A pesar de que a Xunta outorga esta axuda, o bipartito négase a rebaixarlle aos veciños o recibo. Non só perden o bonificado ata o de agora senón que se negan a aplicar o desconto nos próximos anos”.

Ponteareas, 28 de abril de 2021.- O Grupo Municipal do PP lamenta que o Goberno bipartito de Ponteareas non teña a mínima intención de aliviar os petos dos veciños de Ponteareas coa bonificación do 10% que a Xunta, a través de Sogama concedeu ao municipio, achegando unha axuda económica, que debía repercutir no recibo de recollida de lixo dos veciños.

”É lamentable que se neguen a aplicarlles aos veciños esta bonificación. Se un veciño do centro urbano paga 85 euros, pasaría a pagar entre 75 ou 80 euros, que nos tempos que corren calquera axuda é ben recibida. Para que se sumaron á iniciativa de Sogama? Para que solicitaron este diñeiro? O Concello de Ponteareas recibiu esta axuda cunha única condición, que a subvención repercutise no imposto de recollida de lixo, aplicando unha rebaixa na taxa aos veciños. Non só non aplicaron a bonificación senón que agora néganse a poñer a ordenanza adaptada para poder facelo en anos futuros. A falta de xestión e interese deste Goberno bipartito é escandalosa”, critican os populares.

O PP solicitou no pleno a modificación urxente da ordenanza para poder aplicar a redución na taxa do lixo no presente e futuros exercicios. Tamén esixían que se aplicase a bonificación con carácter retroactivo, xa que os veciños pagaron máis do que correspondía polo deixamento deste goberno, que polo menos desde o ano 2019 teñen unha subvención da Xunta que non trasladan aos recibos dos veciños. Tanto BNG como PSOE votaron en contra desta medida aínda cando non lle custa nada ao Concello. “Os ponteareáns imos pagar máis no noso recibo de lixo por un capricho do bipartito”.