A XUNTA PRESENTA AO CONCELLO DE PONTEAREAS UNHA PROPOSTA DE COLABORACIÓN PARA A MELLORA E A CESIÓN DA XESTIÓN DA ESTACIÓN DE AUTOBUSES, NA QUE SE INVESTIRÁN PRETO DE 535.000 EUROS

Técnicos da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantiveron esta mañá un encontro de traballo cos representantes do Concello

  • Trátase de executar as obras necesarias de acondicionamento da terminal do municipio e outorgar á Administración local a explotación e o uso destas dependencias.
  • A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ofrece achegar algo máis do 30% do investimento das obras de mellora, preto de 160.000 €, e ceder a concesión da estación por un prazo de 10 anos, prorrogable ata un máximo de 25 anos
  • A Xunta, ademais, redactou o proxecto das reformas e redactará o de explotación da infraestrutura, que se incluirá no convenio

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade presentou hoxe ao Concello de Ponteareas a proposta de convenio de colaboración no que se sustentará a mellora da estación de autobuses do municipio, ademais da cesión da súa xestión á Administración local para fins relacionados co labor municipal.

Técnicos do departamento da Dirección Xeral de Mobilidade mantiveron esta mañá un encontro de traballo cos representantes do Concello de Ponteareas, para abordar as actuacións proxectadas pola Xunta para o acondicionamento da terminal de autobuses, que se estima suporá un investimento conxunto de case 535.000 euros.

O obxecto deste convenio é executar as obras necesarias de acondicionamento da estación do municipio e outorgar ao Concello a explotación da terminal de autobuses e o uso destas dependencias.

A proposta presentada hoxe establece que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade achegará algo máis do 30% do investimento das obras de mellora, preto de 160.000 euros, e o Concello de Ponteareas achegará o 70% restante, preto de 375.000 euros.

A Xunta, ademais, redactou o proxecto das reformas e redactará o de explotación da infraestrutura, que se incluirá no convenio.

A proposta de colaboración da Xunta dá resposta á solicitude do Concello de Ponteareas para a explotación do conxunto da estación de autobuses e inclúe a concesión de dominio público sobre os terreos e as instalacións da terminal por un prazo de 10 anos, prorrogable por períodos de 5 anos ata un máximo de 25 anos.