O BIPARTITO SOBE OS IMPOSTOS AOS VECIÑOS PARA TENTAR TAPAR AS DÉBEDAS ADQUIRIDAS NOS ÚLTIMOS TRES ANOS

  • Villar reta ao Goberno local a un debate público sobre o estado económico do Concello de Ponteareas, que volve estar en números vermellos.

Ponteareas, 15 de xaneiro de 2021.- O Grupo Municipal do PP non se desdice das declaracións efectuadas en materia económica senón que demostra, con documentos oficiais, que o goberno local aumentou a recadación de impostos en máis dun 30% para poder facer fronte á actual situación financeira.

Belén Villar, portavoz popular do PP de Ponteareas, reta ao Goberno a un debate público sobre o estado da contas no Concello de Ponteareas.

“Os datos están aí, imos ver quen minte. Case oito millóns de euros recadados a base de impostos aos veciños de Ponteareas. Ademais da subida salarial que fixo o Goberno, incluído o salario do alcalde, descoñecemos que outras melloras producíronse que puidesen reverter nos cidadáns. Temos peores servizos, 2020 foi un ano de parálise e con todo o goberno seguiu malgastando, medo dános coñecer a liquidación deste exercicio”, explica Villar.

Os populares mostran a súa preocupación xa que consideran que en 2020 os datos volverán ser nefastos.

“Estamos a falar das contas de 2019, porque este Bipartito non é capaz de facer o seu traballo a tempo. Pola outra banda, 2020 foi un ano case de conxelación en materia económica, polo Estado de Alarma e todo o que a pandemia supuxo, o único que se modificou son as axudas a autónomos de hostalería e comercio. Non se entende o malgasto que se está producindo neste Concello”.

Ademais Villar convida o bipartito a que lea o apartado de ingresos dos anos 2013, onde gobernaba o PP e recadábase por impostos e taxas, 5,8 millóns de euros fronte aos 7,8 millóns que está a recadar na actualidade o bipartirto. “Medo dános a liquidación das contas de 2020, está claro que están a subir o soldo e colocando aos seus á conta de fritir a impostos aos ponteareáns”.

Os populares consideran que a nefasta xestión realizada levaralles a finalizar o mandato como no ano 2004, “que abandonaron o goberno deixando unha débeda superior á que se atoparon cando entraron no ano 2003”.

“Despois do saneamento económico realizado durante os últimos 10 anos de xestión do PP, reducindo a débeda de máis de 20 millóns de euros, agora atopámonos cun Concello que volve ter falta de liquidez e grandes débedas, e aínda queda tempo de mandato para que malgasten máis cartos. Por todo iso solicitamos un cambio de rumbo urxente”.