O CONCELLO DE PONTEAREAS RECURRE, POR PRIMEIRA VEZ EN 20 ANOS, A UNHA PÓLIZA DE TESOURERÍA PARA FACER FRONTE ÁS DÉBEDAS DO BIPARTITO

  • Confírmase o que viña advertindo o PP ao longo destes meses, o Concello ao bordo da bancarrota.
  • “O descontrol orzamentario, o malgasto, os desfasamentos entre ingresos e gastos levaron a esta situación”.  

Ponteareas,  23 de outubro de 2020.- O Grupo Municipal do PP lamenta a mala xestión que está a facer o bipartito cos recursos económicos do Concello de Ponteareas.

Segundo os populares, despois dun gran axuste económico realizado polo PP ,entre os anos 2011 e 2015, que permitiu unha recuperación económica e sanear as contas do municipio, agora dáse un “xiro de 180º que volve colocar á Vila do Tea ao borde da bancarrota”.

“Xa informamos que a situación era crítica. Acábase de asinar un novo préstamo de dous millóns de euros, tal e como anunciamos hai un mes, co banco Sabadell, para facer fronte aos desfasamentos económicos que está a xerar a falta de previsión e malgasto deste bipartito. Que non nos engane máis. Pide créditos para poder cadrar as súas contas e non para investir. O mesmo dixeron fai catro meses cando solicitaron un millón de euros de anticipo á Deputación, e agora de novo non teñen crédito”, denuncian desde o PP.

Os populares consideran que este novo préstamo é unha mostra máis do descontrol en materia económica que ten o actual goberno bipartito. “O alcalde ou non se decata ou nos quere enganar. Mente cando di que os datos son favorables. Falta á verdade cando di que os provedores están a cobrar a 13 días, están a facelo a 43, incumprindo a lei. Os informes da Tesourería Municipal veñen advertindo os últimos trimestres que estamos en negativo porque hai moitos máis gastos que ingresos. Está a xerarse unha bóla de endebedamento que hipotecará o futuro das próximas corporacións”.

O PP solicitará explicacións ao bipartito para que expliquen porqué o ano pasado celebraron ao grande o superávit e agora recorren a créditos millonarios. “Que pasou con esa bonanza económica? Enganáronnos por entón e seguen facéndoo agora”.