O BIPARTITO (BNG-PSOE) PRIVATIZA A XESTIÓN DA AUGA EN PONTEAREAS DESPOIS DE ABANDERAR DURANTE 20 ANOS O DISCURSO DA SÚA MUNICIPALIZACIÓN

  • O Goberno local encargou un informe privado para xustificar a prórroga e darlle legalidade á mesma.
  • Os populares consideran unha mala escusa a achegada polo alcalde que asegura que “lles faltou documentación” para poder licitar este contrato.

Ponteareas, 08 de outubro de 2020.- Os populares manifestan a súa sorpresa despois de que o bipartito (BNG-PSOE) aprobasen, no pasado pleno, a prórroga do contrato da auga. “Prorrogaron un contrato amparándose no interese común. O procedemento demostra o seu deixamento de funcións e por suposto tira pola borda os 20 anos de discurso anti privatización que nacionalistas e socialistas mantiveron cando gobernaron outras forzas políticas en Ponteareas”.

Aínda que o alcalde Represas achaca esta prórroga ao interese xeral por “falta de documentación e tempo”, o PP é coñecedor de que o bipartito xa decidiu manter a privatización do contrato.

“A golpe de decreto, o alcalde encargou a unha empresa privada a xustificación para poder facelo, no canto de recorrer a técnicos municipais, para defender un servizo municipal, tal e como eles demandaron durante tantos anos. Tampouco se reuniron con sindicatos para barallar un posible servizo con persoal municipal”.

 O PP considera unha mala escusa a explicación ofrecida polo bipartito ante o atraso en licitar o contrato. “Xustificando en que non tiñan a documentación, que tiveron tempo para conseguila, desde 2015 ata 2020, pero non o fixeron porque non interesaba e era a motivación xusta para prorrogar un contrato que non tiña posibilidade de prórrogas, e mesmo agora, xestionar a súa licitación ás carreiras, xustificando na falta de tempo o non convocar a comisión, o analizar detidamente o servizo, etc” critican desde o PP.

Ademais, os populares lémbranlle ao bipartito que se incumpre o acordo plenario de hai dous anos, onde se “acordou crear unha comisión formada por responsables do goberno, un portavoz de cada grupo oposición e varios técnicos municipais para estudar cal é o mellor tipo de contrato a licitar, neste caso, para un dos concursos públicos máis importantes do Concello”.