O BIPARTITO RECOÑECE QUE AS OBRAS DE AMPLIACIÓN DA DEPURADORA MUNICIPAL ATRÁSANSE, COMO MÍNIMO, ATA O ANO 2023

  • Ponteareas non poderá completar o seu saneamento porque o bipartito négase a buscar investimento para poder acometer a ampliación da depuradora municipal (EDAR) da Moscadeira.

Ponteareas, 6 de outubro de 2020.- O Grupo Municipal do PP presentou en pleno unha moción que instaba o Goberno Central a incluír unha partida económica do 60% da obra, tal e como afirmou o alcalde que se comprometese o Ministerio. “Falamos de reservar case 8,5 millóns de euros no Orzamento do Estado para acelerar a construción da nova EDAR, infraestrutura necesaria para terminar o saneamento en Ponteareas e acabar con verteduras incontroladas”.

A moción presentada polos populares foi substituída polo Goberno bipartito por unha na que se mantiña o sentido da mesma, pero evitábase reflectir contías económicas, polo que non hai garantía de que se manteñan os 8,5 millóns. O alcalde quixo intervir neste tema desvelando un novo atraso, ao afirmar que as obras non empezarían ata o ano 2023, no mellor dos casos.

“Confírmase que se perdeu a oportunidade de empezar esta infraestrutura, vital para o avance do noso pobo. Sen esta nova EDAR non se pode completar o saneamento en Ponteareas e seguiremos pagando sancións por verteduras ao río, que nestes últimos 5 anos supuxo máis de 400.000 euros, diñeiro que se podería estar a utilizar para sanear o noso rural . É vergoñoso que o bipartito non sexa capaz de buscar financiamento para esta nova EDAR, mentres malgasta o diñeiro solicitando préstamos a bancos e subíndose os seus salarios” lamentan os populares.