O BIPARTITO PRORROGARÁ O CONTRATO DA AUGA DO MUNICIPIO BORDEANDO A LEI

  • “O contrato finaliza este mes, polo que por interese xeral, deciden prorrogar o contrato para que non quedemos sen auga. É un escándalo o deixamento de funcións deste bipartito”.
  • “O contrato non prevé ningunha prórroga polo que aínda que se amparen en que é por “interese xeral” están a cometer unha ilegalidade”, advirten os populares.

Ponteareas, 25 de setembro de 2020.- O Grupo Municipal do PP absterase na votación de prorrogar o actual servizo da auga de Ponteareas.

O PP preguntou hai uns meses ao bipartito se se ía a cumprir o seu tan mencionada promesa de “ municipalizar o servizo da auga”, xa que segundo veñen defendendo nos últimos 20 anos, PSOE e BNG, consideraban o contrato un pelotazo.

“Os do pelotazo parece ser que cambiaron de opinión. Despois de criticalo e solicitar a súa suspensión cando gobernou ACIP ou PP, despois de tantas promesas, agora que se finaliza, e que teñen a capacidade de cambialo, deciden ilegalmente prorrogalo e seguir cobrando aos veciños por tramo no canto de por consumo real”, explican os populares.

O Grupo Municipal do PP, que preguntou en varias ocasións por este asunto, recibiu resposta por parte do alcalde que alega que no seu día, debido a operacións xudiciais como Pokemon e Patos, requiríronselles estes contratos e que non lles foron devoltos, por tanto non teñen copia dos mesmos. “É vergoñoso que poñan estas desculpas cando son operacións de fai máis de cinco anos, algunhas xa pechadas. a que esperan para requirir os expedientes ao Xulgado?”, pregúntanse desde o PP.

O PP esixe ao alcalde que saque a concurso público a xestión da auga e que nos pregos e cláusulas estipúlese que a cobranza debe ser polo consumo real.