O PP APOIA A INTERVENCIÓN DA PLATAFORMA NO PLENO PARA BUSCAR UNHA SOLUCIÓN Á LOCALIZACIÓN DA CALDEIRA DE BIOMASA

  •  “Solicitamos ao alcalde debate desta cuestión e que escoite aos veciños.”
  • “Volveremos solicitar ao bipartito un informe referente á titularidade dos terreos”.

Ponteareas, 25 de setembro de 2020.- O Grupo Municipal do PP apoia a decisión da Plataforma veciñal creada por mor da construción da caldeira de biomasa en pleno centro urbano.

Os veciños acudiron ao Rexistro da Propiedade e aseguran que os terreos non son municipais, senón que figuran a nome de Ceferino Fontán González, o que invalidaría o informe municipal. “É un aspecto que debemos aclarar antes de continuar coas obras. Se o Concello constrúe aí a caldeira, sabendo que non son terreos municipais, estaría a incorrer nunha prevaricación. Ademais, os veciños xa alertaron que recorrerán á Xustiza, polo que o Concello de Ponteareas podería verse obrigado a incorrer en gastos de demolición e penalizacións económicas”, explican os populares.

O Grupo Municipal do PP solicita ao bipartito máis diálogo e consenso e que non contribúan a erros pasados, proliferando o “ feísmo” do municipio con esa instalación nunha zona de servizos que no futuro podería demandar máis espazo.

“É unha contorna de Residencia e Centro de Día que no futuro podería necesitar eses espazos. Non podemos pensar de forma cortoplacista, hai que sentar correctamente as bases do crecemento do noso pobo”, afirmou Villar.