O BIPARTITO VETA UNHA MOCIÓN DO PP NO PLENO QUE INSTABA A PARALIZAR A CONSTRUCIÓN DA CALDEIRA DE BIOMASA MENTRES NON SE ACLARE A TITULARIDADE DOS TERREOS

  • O PP estuda acudir aos tribunais ante a reiterada decisión do alcalde de vetar as mocións.
  • • O Grupo Municipal do PP apoia as protestas veciñais que solicitan unha localización distinta e a paralización das obras da caldeira de biomasa.

Ponteareas, 24 de setembro de 2020.- O Grupo Municipal do PP denuncia que o bipartito decidiu vetar a súa moción na que se solicitaba aclarar a titularidade dos terreos e debater no pleno a posibilidade de cambio de localización da caldeira da biomasa.

 “Nas últimas semanas incrementouse o malestar veciñal e as protestas pola decisión do bipartito de instalar a caldeira de biomasa en pleno centro urbano, á beira da Residencia de maiores e do Centro de Día. Estamos de acordo cos veciños que non é a mellor localización, por iso, decidimos levar o debate ao pleno, para tentar buscar unha solución. Nas comisións informativas trasladóusenos de palabra que a moción non ten sentido e que fagamos un rogo”, explica a portavoz, Belén Villar.

Ademais, o Grupo Municipal do PP, solicitaba ao bipartito que fixese as investigacións oportunas para coñecer se é certo, tal e como aseguran os veciños, que eses terreos non son de titularidade municipal e pertencen á Fundación Carmen Palacios Ramilo. “Esta cuestión debe deixarse clara para evitar problemas e responsabilidades futuras. Podería derivar en sancións económicas nun Concello que agora mesmo está endebedado ata as cellas”, explicou Villar.

O Grupo Municipal solicitará por escrito os motivos de veto da moción. “Trasladan as nosas mocións a rogos para evitar o debate e a votación. Teñen algo que esconder?” Pregúntanse os populares.