2018092301130019160

O BIPARTITO LEVA, DE NOVO, Á BANCARROTA AO CONCELLO DE PONTEAREAS

O Concello solicita un préstamo de dous millóns de euros para poder pagar a edís, provedores e traballadores municipais.

  • Villar “Este é o resultado de vivir de rendas do Plan Económico financeiro que se executou en 2014 e sen aplicar ningunha nova medida, malgastando o existente con medidas como unha subida de soldos a todos os edís”.
  • A tesoureira xa informou no primeiro trimestre de ano que a tesourería entraba en números vermellos”.

Ponteareas, 15 de setembro de 2020.- O Grupo Municipal do PP lamenta que todo o traballo do Plan de Axuste levado a cabo no mandato 2011-2015 polo PP, que permitiu sanear as contas dun concello crebado, fose tirado pola borda polo “malgasto” e a falta de previsión do actual goberno bipartito.

Os populares denuncian que o actual goberno ten que recorrer a un crédito de dous millóns de euros, sumado a créditos que xa se solicitaron en meses anteriores, para poder pagar nóminas e facer fronte a facturas atrasadas.

“A xestión financeira deste goberno é nefasta. Están a tirar o traballo que se realizou, no que moitos traballadores tiveron que apertarse o cinto para salvar as arcas locais. Falan de comprar novos inmobles, sóbense os soldos e logo non teñen nin para pagar aos actuais traballadores”, criticou a portavoz”.

Villar lémbralle ao alcalde que se non recibiu diñeiro comprometido doutras subvencións é porque non executou ditas obras, por tanto, non puideron xustificalas fronte á administración.

“É unha vergoña que culpe do desfase económico a outras administracións cando todos sabemos que é debido á total descoordinación existente e o malgasto xeneralizado en todas as concellerías. A única responsabilidade de que as obras non se executen en tempo e forma é do Goberno local. Se as fixesen en prazo, poderían xustificalas ante o Estado e recibir as subvencións” explica Villar.

O PP móstrase moi preocupado xa que, en caso de seguir nesta política de gasto, córrese o risco de que os provedores e traballadores municipais queden sen cobrar nos próximos meses.

“O malgasto e descontrol vai carrexar graves consecuencias. A tesoureira xa informou no primeiro trimestre, antes da pandemia, que o Concello entraba en números vermellos. É ilóxico que creben as arcas e doutra banda estean a anunciar a adquisición de inmobles que agora mesmo non son unha prioridade”.