Escola Infantil. Ponteareas 696×464

O PP ACUSA O BIPARTITO DE FALTA DE PREVISIÓN E SOLICITA DIÁLOGO ANTE AS PROTESTAS DOS PAIS POLO HORARIO E PROTOCOLOS DA ESCOLA INFANTIL

-“Se non fan caso ás demandas de ampliar o horario, levaremos o asunto ao pleno de forma urxente”, afirma a portavoz popular, Belén Villar.

– “Está claro que foi unha falta de previsión e de información. Solicitamos a intervención inmediata do alcalde e preguntaremos polo Plan de Continxencia e que medidas tomáronse para mellorar o servizo debido á COVID-19”.

Ponteareas, 11 de setembro de 2020.- O Grupo Municipal do PP lamenta a falta de previsión e de diálogo do bipartito que non planificou ben a volta ás aulas e agora decidiu non escoitar as demandas dos pais da escola infantil ante os cambios efectuados nos horarios e a falta de protocolos ou información dos mesmos.   

Villar, portavoz popular, considera urxente unha reunión e un cambio de actitude por parte do bipartito, que nos últimos meses está a caracterizarse por xerar enfrontamentos en todas as desacertadas decisións que está a tomar.    

O PP lémbralle ao bipartito que, “a educación infantil debe ser a que máis permita conciliar, xa que aínda que é unha etapa non obrigatoria, é esencial para o desenvolvemento e adaptación dos pequenos e na que os pais necesitan máis que nunca a flexibilidade do servizo. Un servizo que ademais é de pago, polo que os pais deberían recibir toda a atención por parte do Goberno local e da concelleira de Educación”.   

Os populares solicitan a intervención urxente do alcalde no asunto e diálogo cos pais afectados.

“Estes cambios deberon ser informados e consensuados. Ademais faltou unha previsión de reforzo de persoal, ante a situación de Covid-19”. 

En relación ao protocolo os populares instarán o Goberno local a que siga o exposto pola Xunta de Galicia e infórmese aos usuarios e tómese as medidas que sexan necesarias para garantir o bo funcionamento da escola infantil.

«Non é de recibo o trastorno que se está xerando aos usuarios desta escola mentres que noutros concellos veciños, que si tomaron medidas, os nenos acoden con normalidade”.