O PP SOLICITA A PARALIZACIÓN URXENTE DAS OBRAS DA REDE DE CALOR DE BIOMASA E PIDE DIÁLOGO AO BIPARTITO

– O PP solicita a paralización inmediata das obras e a convocatoria urxente dunha reunión para que o bipartito aclare esta situación que podería carrexar, no futuro, prexuízos económicos ao Concello.

– “Os veciños valoran acudir aos tribunais xa que parece ser que os terreos onde se está construíndo a Rede de Calor, en pleno centro urbano, foron cedidos para uso social”.

– Os populares lamentan o actual silencio do grupo ACIP e do PSOE que, pola contra, alzaron a súa voz en contra en 2011 con instalacións similares nos arredores do pobo.

Ponteareas, 2 de setembro de 2020.- O Grupo Municipal do PP solicita a paralización inmediata das obras da Rede de Calor de Biomasa, levadas a cabo en pleno centro urbano de Ponteareas, que carrexaron un gran enfado entre os veciños da zona.

A portavoz local, Belén Villar, solicita diálogo urxente ao bipartito para liquidar este problema.

“Esiximos a convocatoria dunha reunión urxente para tranquilizar aos veciños. Que se lles explique o funcionamento desta rede de calor e téntese cambiar a localización non só por cuestións estéticas (prevese a instalación de chemineas de 18 metros de altura) e de operatividade, senón porque varios veciños aseguran ter documentos que acreditan a cesión deses terreos, por parte dun particular, para uso exclusivo de servizos sociais” explicou a portavoz.

O Grupo Municipal do PP considera que se o bipartito continúa adiante estará a prexudicar aos veciños desta zona e podería comprometer a economía do Concello. “A rede de calor é necesaria, por iso votamos a favor no seu momento nunha sesión plenaria na que xunto a ese punto votábanse outros de vital importancia para Ponteareas. Lembrarlle ao señor Represas que o presentou a tres días das eleccións municipais e que non se falou de localización, xa que segundo o propio alcalde isto era “unha primeira fase do antigo proxecto”. O que non pode ser é que se fagan as cousas con este escurantismo, plantando unha instalación deste tipo pegada a un Centro de Día e a unha Residencia de Maiores, sen ningunha explicación sobre a elección desa localización. No PXOM, paralizado actualmente polo Concello, exponse unha zona de esparexemento e desfrute para os maiores, cun parque biosaudable nesa zona, e cualificado o terreo como de uso asistencial. Os veciños aseguran ter documentos que acreditan que eses terreos foron cedidos para uso social. Se as obras continúan e deciden acudir ao Xulgado, o Concello de Ponteareas podería ser sancionado economicamente”, alerta Villar.

O PP espera que o alcalde convoque a reunión nas próximas 48 horas para aclarar a situación.

“Queremos explicacións en referencia á localización e tamén coñecer se é certo que estes terreos só poden ser destinados a uso social tal e como parece ser que solicitou a familia que fixo a doazón. Temos que liquidar este problema antes de que chegue o inverno, para poder tela operativa para entón. Esiximos transparencia e celeridade”.

Villar resaltou que o partido ao que representa “está a favor da rede de calor, pero non comparte a localización elixida nin a falta de diálogo entre veciños e Goberno.

“Mellorar Ponteareas si, pero non á conta de minguar a calidade de vida doutros veciños”, sentenciou a portavoz.

Edificio central da Rede de Calor de Biomasa