Infografia Caseta Biomasa

O PP SÚMASE Á PREOCUPACIÓN DOS VECIÑOS POLA LOCALIZACIÓN DA CALDEIRA DE BIOMASA EN PLENO CENTRO URBANO

– “Imos solicitar unha comisión urxente para que o alcalde explique a decisión e consecuencias que poidan derivar da instalación da caldeira no centro urbano”.

– O PP considera que quizais outra localización municipal, máis nos arredores, prexudicaría menos a convivencia dos veciños e en especial a dos usuarios do Centro de Día e Residencia de maiores.

Ponteareas, 25 de agosto de 2020.- O Grupo Municipal do PP, que está a favor da construción da caldeira de biomasa, considera que o lugar elixido polo Goberno local para a súa posta en marcha, é pouco apropiado e seguramente prexudicará a calidade ambiental e acústica da contorna.
A portavoz municipal, Belén Villar, informou que xa hai malestar entre os veciños e usuarios da Residencia de maiores ante a falta de información que provocou o inicio destas obras, anunciadas esta fin de semana polo alcalde, ante os medios de comunicación.

“Sabemos que é necesario dotar de enerxía aos edificios municipais, por iso apoiamos a instalación desta caldeira de biomasa. O que non pensamos é que o bipartito decidise instalala en pleno centro urbano, tendo en conta que o material que vai ser queimado é a acha”.  

Segundo informa o PP, este tipo de caldeiras son alimentadas sempre cun recolledor, un disco rotativo que extrae a acha e transpórtaa directamente á caldeira. Logo é queimada nunha cámara de combustión, xerando cinza que tamén debe ser extraída.

«Isto significa que ademais da cinza xerada, debe transportarse o material (a acha) polo que esa zona vai converter nunha constante ida e vinda de camións. Ademais, descoñecemos o nivel do ruído da máquina, o que podería prexudicar a tranquilidade requirida nesa zona e aumentar o ruído acústico”, explican os populares.