O PP SOLICITA A REPRESAS QUE POÑA EN MARCHA UNHA NOVA LIÑA DE AXUDAS PARA PEMES E AUTONÓMOS CON NEGOCIOS EN PONTEAREAS

  • Os créditos axudarían a minimizar os danos económicos derivados da COVID19 e á compra de material necesario para higienización dos espazos de traballo.
  • Os populares solicitan que as axudas se financien coas partidas de crédito aprobadas no pleno de maio, cos salarios doados polos populares durante o Estado de Alarma e o remanente sobrante da primeira liña de axudas.

Ponteareas, 15 de xullo de 2020.- O Grupo Municipal do Partido Popular solicitou por escrito ao alcalde, Xosé Represas, a creación dunha nova liña de axudas a PEMES e autónomos con negocios en Ponteareas. A finalidade destes créditos sería minimizar o dano económico derivado da crise sanitaria do COVID-19.

“Propoñemos crear unha nova liña de axudas, destinada a dar liquidez a aquelas PEMES e autónomos que se atopan en débeda con calquera Administración pública (Facenda, Axencia Tributaria, Seguridade Social) de forma que se poñan ao corrente de pago e poder así optar a outras subvencións ou contratos”.

A fórmula proposta polos populares é conceder pequenos créditos ata un importe ou porcentaxe máximo de débeda, sen intereses, cun ano de carencia e cun prazo de devolución de 3 a 5 anos.

Por outra banda a portavoz local, Belén Villar, solicita unha segunda liña de subvención para a compra de material de higienización dos espazos de traballo. “Financiar a PEMES e autónomos parte da compra necesaria para desinfectar superficies, a adquisición de máscaras, xel hidroalcohólico, instalación de medidas de protección, adaptación de espazos á seguridade requirida e todos aqueles gastos que sexan para previr e frear os contaxios desta pandemia”.

O PP solicita ao alcalde que utilice para estas novas liñas de axudas a partida reservada no orzamento municipal, de 180.000 euros, o remanente da primeira liña de axuda, á que era moi complicado acollerse, e o diñeiro doado polos edís populares, 2.394 euros, correspondentes ao 50% do salario abonado, durante o Estado de Alarma, nunha conta do Concello de Ponteareas para axudas deste tipo.