Sin Título

O PP SOLICITA A DEVOLUCIÓN DAS COMISIÓNS COBRADAS A MILES DE PONTAREANOS POR PARTE DA ENTIDADE BANCARIA ABANCA

  • Os populares consideran abusivas estas comisións “tendo en conta o delicado momento económico e laboral no que se atopan moitas familias”.
  • BNG, PSOE e ACIP mostraron o voto a favor da proposta popular.

Ponteareas, 2 de xullo de 2020.- Os populares levaron ao pleno do martes, 30 de xuño, unha moción de urxencia para que toda a Corporación Municipal acordase solicitar á entidade financeira ABANCA a retirada e a devolución  inmediata das comisións bancarias cobradas aos veciños/ as de Ponteareas por consideralas abusivas no momento actual.

Os populares contaron co respaldo de todos os grupos políticos polo que o acordo será trasladado á entidade financeira para que devolvan este tipo de comisións que xerou gran balbordo no municipio.

“Estamos a falar de clientes de toda a vida, que viron incrementados os seus pagos por comisións no último ano. Ademais, estamos nunha situación excepcional na que todos debemos arrimar o ombreiro. Non esquezamos o gran incremento do números de persoas que son atendidas no departamento de servizos sociais, as familias con menos recursos que quedaron sen traballo, os que cobran o RISGA, os pensionistas e a elevada taxa de paro no noso municipio”, recalcan desde o Partido Popular.