WhatsApp Image 2020 06 26 At 17.27.27

VILLAR SOLICITA UNHA REUNIÓN CON AUGAS DE GALICIA PARA COÑECER O ESTADO DO PROXECTO DE SANEAMENTO DE RIBADETEA

  • A portavoz local reunirase a próxima semana con Augas de Galicia para coñecer os prazos e retomar este proxecto que é de suma importancia para Ribadetea.

Ponteareas, 26 de xuño de 2020.- A portavoz popular de Ponteareas, Belén Villar, solicitou unha reunión presencial a Augas de Galicia, para coñecer de primeira man o estado no que se atopa o proxecto de saneamento para a parroquia de Ribadetea.

Despois de varios requirimentos, Villar obtivo contestación de Augas de Galicia, que confirma unha reunión formal a próxima semana.

“Queremos coñecer o estado do proxecto e os prazos que manexan nesta entidade. A pesar da paralización que supuxo a pandemia e o Estado de Alarma, mantivemos comunicación con eles en todo momento, para esixir que se cumpra un dos compromisos que a Xunta de Galicia adquiriu con Ponteareas, en concreto co saneamento de Ribadetea”.

Os populares lembran que o investimento para este proxecto xa contaba co visto e prace da Xunta en 2015 pero que o actual alcalde solicitou modificar o proxecto e executar un Plan Director, o que supuxo un novo atraso.

“Esperamos que se avanzara na redacción do mesmo e que o Concello poña as pilas para ampliar a EDAR e executar as obras. Ponteareas ten que terminar o seu saneamento. Os veciños non poden esperar máis “, explica Villar.