O PP CONSEGUE QUE O GOBERNO MUNICIPAL RECTIFIQUE E PERMITA O ACCESO Á LUDOTECA ÓS NENOS/AS CON ENFERMIDADES CRÓNICAS

  • O goberno bipartito segue prohibindo ós traballadores da Ludoteca actuar cando un neno/a teña unha emerxencia sanitaria, e tamén segue excluíndo deste servizo aos nenos/as menores de 6 anos, pese a ter autorización da Xunta para contar con nenos entre 2 e 12 anos. Dúas cuestións que dende o PP rexeitan.

Ponteareas, 16 de xuño de 2020.- O Grupo Municipal do Partido Popular conseguiu no pleno celebrado hoxe, martes 16 de xuño, que o goberno do Concello de Ponteareas rectifique parcialmente despois da polémica xerada a finais do pasado ano 2019, cando pretendía excluír do servizo da Ludoteca municipal ao nenos/as que tiveran enfermidades infecciosas crónicas como o VIH ou determinados casos de Hepatites.

A partir de agora os nenos que padecen estas enfermidades, sempre que as súas condicións de saúde o permitan, poderán desfrutar deste servizo municipal lúdico- educativo.

O goberno bipartito pretendía practicar unha exclusión social inadmisible, propia de pensamentos doutras épocas. Non había, nin hai, ningunha razón obxectiva para que non se permita o acceso deste nenos/as á Ludoteca municipal, critican os populares.

Os populares lamentan que o goberno non modifique outros criterios, por exemplo autorizar que os nenos/as de 2 a 5 anos poidan utilizar a Ludoteca municipal, xa que a Xunta de Galicia autoriza, para este tipo de servizo municipal, que se poida contar con rapaces de 2 a 12 anos. “No resto de concellos veciños non hai esta limitación de idade”.

Coa aprobación definitiva do Regulamento da Ludoteca, BNG-PSOE tampouco deixarán actuar, nun primeiro momento, ós traballadores deste servizo cando un neno/a teña unha emerxencia sanitaria, como pode ser unha reacción alérxica grave, un atragantamento ou unha baixada de azucre. Cuestión que é totalmente contraria ao que se vén realizando nos centros educativos de todo Galicia co programa “alerta escolar” do 061.

Hai nenos que son alérxicos e que teñen que levar a súa medicación sempre con eles por que lles pode salvar a vida en calquera momento. Impedir que os profesionais da Ludoteca poidan administrar esa medicación en casos nos que perigue a vida dun neno/a é algo que supera toda lóxica e sentido común, explican os populares.

Por último, a voceira popular Belén Villar, contesta as afirmacións vertidas pola Concelleira de Servizos Sociais do BNG que acusaba no seu momento ao PP de «irresponsable por intentar, una vez máis, desinformar á cidadanía».

O tempo pon a cada un no seu lugar. O Goberno ten que escoitar máis aos veciños, os grupos da oposición e aos traballadores municipais que son quen mellor coñecen os servizos. Dende o PP de Ponteareas non imos permitir que se practique ningún tipo de exclusión social por motivos de saúde ou idade.

❌BNG, PSOE e ACIP votaron a favor no Pleno do 26 de decembro de 2019 dun Regulamento para a #Ludoteca que excluía ós nenos/as de 2 a 5 anos, que impedía acudir ós que teñan enfermidades como Hepatite ou VIH, e que prohibía ós traballadores deste servizo actuar cando se dese unha emerxencia sanitaria.