BNG, PSOE E ACIP REXEITAN BAIXAR O SALARIO DOS CONCELLEIROS PARA DESTINAR ÁS AXUDAS A AUTÓNOMOS E EMPRESARIOS

  • Cónstanos que membros de ACIP e BNG non están de acordo coa postura adoptada por Represas e Juan Carlos na cuestión da doazón do salario.
  • Tampouco se acepta a proposta dos populares de fixar en 700 euros mensuais a axuda a empresarios e autónomos. “Aceptan que sexa 500 euros e nun pago único; Mellor menos que nada”, resígnanse os populares.
  • “Moitos autónomos cos que falamos non optarán a esta axuda xa que lles é inviable manter a todos os seus empregados na situación actual”, requisito indispensable para poder recibila

Ponteareas, 28 de abril.- O PP congratúlase de que o alcalde decidise finalmente destinar axudas locais a autónomos e empresarios, tal e como esixiron os populares desde o inicio da crise sanitaria, pero considera que as contías son escasas e que as bases están mal planificadas.

Os populares, despois de falar con diferentes autónomos e comerciantes, propuxeron unha axuda de 700 euros mensuais, mentres dure o confinamento, para actividades que se viron obrigadas ao peche co Decreto de Estado de Alarma e 350 euros para aqueles que están con actividade, pero víronse afectados na diminución case total dos seus ingresos. Pola súa banda o Goberno local, apoiado polo grupo ACIP, preferiu deixar a axuda en 500 euros, cun único pago e sen ter en conta a situación de autónomos e empresarios, as cales para recibir este diñeiro deberán manter a todo o persoal actual.

“Un hostaleiro que leva un mes pechado, sen ingresos e pagando cota de autónomos, dificilmente optará a esta axuda. Xa que moitos tiveron que aplicar ERTEs ao non poder pagar aos seus empregados. Cremos que o Goberno local non está a ser consciente da realidade dos nosos autónomos e empresarios”, explicou Villar.

Por outra banda, os populares lamentan a pinza realizada entre Juan Carlos Carrera ( ACIP) e Represas (BNG) para bloquear a medida de redución de salario dos concelleiros mentres dure o Estado de Alarma.

“Cónstanos que hai descontento en ambos partidos por esta decisión, moitos edís apoian a medida en privado pero non se van a desmarcar en público. Juan Carlos Carrera e Represas táchana de `populista’ porque non queren ser consecuentes coa situación e co que os veciños esperan de todos os políticos. Deberiamos dar exemplo, pero algúns parece que non están, non estiveron, nin se lles espera”, critica a portavoz.