2015040810335587217

A XUNTA E O CONCELLO DE PONTEAREAS AVANZAN NA NEGOCIACIÓN DO CONVENIO PARA A REPARACIÓN E CESIÓN DA ESTACIÓN DE AUTOBUSES DO MUNICIPIO

  • A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade cofinanciará as obras necesarias para a posta a punto da estación, de cuxa xestión pasará a encargarse a Administración local

 

Ponteareas, 7 de novembro de 2019.- A Xunta e o Concello de Ponteareas avanzan na negociación do convenio de colaboración no que se sustentará a reparación da estación de autobuses da localidade, ademais da cesión da súa xestión.

 

Técnicos da Dirección xeral de Mobilidade mantiveron hoxe un encontro co alcalde, José Represas e outros membros da administración local, no que abordaron o borrador de convenio de colaboración sobre a estación de autobuses.

 

Ese convenio prevé que a Xunta de Galicia cofinancie as obras necesarias para a posta a punto da estación de autobuses, cuxo importe se estima en 240.000 euros. Ademais, o Concello de Ponteareas asumirá a xestión total da estación de autobuses, en cuxas instalacións xa se están a desenvolver na actualidade actividades sociais.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade agarda pechar definitivamente ao longo próximas semanas o acordo, concretamente no relativo ás porcentaxes de cofinanciación das obras e aos termos concretos da cesión da xestión.