Belén Villar propón un «Plan Parroquias» para dinamizar a súa contorna e mellorar o transporte das 23 zonas co centro

  • A candidata presentará nos vindeiros días un novo método de transporte, subvencionado polo Concello, entre as parroquias e o centro urbano e continua en negociacións para o transporte metropolitano.
  • Comprométese a ampliar a depuradora para terminar co ansiado e necesario saneamento .
  • Creación dunha nova brigada de desbroces e limpeza para o rural.
  • O plan comporta unha mellora de servizos nos centros culturais, parques infantís, iluminación, pavimento e cobertura wifi.

Ponteareas, 12 de abril de 2019.- A voceira e candidata do Partido Popular á Alcaldía de Ponteareas, Belén Villar, presentou, esta mañá, outra dás propostas incluídas no seu programa electoral. “Hoxe presentamos o Plan Parroquias, porque as 23 son parte esencial do noso municipio. O goberno actual, ten totalmente abandonadas as parroquias de Ponteareas.”, afirmou Belén Villar.

Para a candidata do PP é unha prioridade que se atenda as parroquias e que se conecten co centro do municipio. “Estamos a percorrer a pé todas as parroquias e en case todas os veciños trasládannos as mesmas problemáticas, por iso deseñamos este plan conxunto para liquidar problemas básicos que se repiten nas 23 zonas”.

O Plan Parroquias contempla melloras na iluminación pública, “hai moitas zonas que carecen de luz e outras nas que o existente está mal situado. Faremos un estudo para coñecer a situación e solventar os problemas”. Melloras no abastecemento e o saneamento, “non nos cansaremos de  dicir que é unha prioridade sacar adiante a nova EDAR, só así poderemos poñer punto e final á triste situación que se vive nalgúns lugares de Ponteareas, que carecen de algo tan básico como saneamento”. Melloras nos parques infantís e os centros culturais, “na actualidade hai unha clara falta de mantemento, ademais finalizaremos os centros culturais que estaban comprometidos desde hai anos. Paredes non conta con centro e os de Padróns, Ribadetea, Nogueira, Pías e Arnoso teñen necesidades de ampliación e reformas”. Villar mantivo reunións coa consellería de Benestar Social para ampliar os servizos das parroquias e  adicar algún destes centros  a “Centros de Día”.

Outra das prioridades do Plan Parrqouias é mellorar a conexión entre as parroquias e o centro urbano, Villar adiantou que nos próximos días presentará un novo sistema de transporte, subvencionado polo Concello e que ademáis continúan as negociacións para que Ponteareas poida beneficiarse das tarifas do transporte metropolitano.

O proxecto contempla outras melloras como nova sinalización viaria e de lugares de interese, ampliación da cobertura WIFI, pavimentación estradas en mal estado, mellora da seguridade cun grupo especial de vixilancia no rural e novas bocas de rego nas zonas forestais para evitar incendios. Tamén a creación dunha nova brigada de desbroce, moi necesaria no rural.

En relación ao PXOM a candidata avanzou que mellorará o documento para eliminar a diseminación dos núcleos de vivendas. Revisar o crecemento futuro en cada parroquia e apostar polo crecemento no rural de novas edificacións. Revisar as vivendas fóra de ordenación. Revisar lindes entre parroquias  con outros municipios e colocar correctamente o nome dos barrios que están fóra de lugar.