Villar urxe unha solución ao Ministerio de Fomento para a Variante e a N-120 antes das Eleccións Xerais

-O PP presentou unha moción no Concello para instar o Ministerio de Fomento a que de forma urxente licite o Proxecto de Mellora de Seguridade viaria da N-120

 

-Ademais a moción urxe a firma dun convenio para a Variante, xa que Fomento anunciou na última reuníón que o protocolo asinado en 2015 xa non é válido

 

Ponteareas, 9 de abril de 2019.- A portavoz e candidata do PP, Belén Villar, urxe ao Ministerio de Fomento a que cumpra o comprometido con Ponteareas e por tanto licite o Proxecto de Mellora de Seguridade viaria da N-120. “Actualmente existe unha partida económica de seis millóns de euros para esta mellora, xa que se manteñen os orzamentos prorrogados de 2018”, explicou Villar.

Por outra banda a moción tamén alude á necesidade de asinar un novo acordo a tres bandas para deixar claro cal é o compromiso de cada administración coa variante/ circunvalación de Ponteareas. “O PP asinou un protocolo de colaboración en 2015 que o Ministerio de Fomento deu por roto na última reunión mantida. Agora mesmo non existe un documento que acredite a colaboración e implicación de cada parte na execución destas infraestruturas. Solicitamos que se manteña ese protocolo e asínese canto antes o convenio de colaboración”.

 

O PP está a facer o traballo do alcalde, que parece que non ten moito interese en presionar aos que agora son os seus socios de goberno. “Como alcalde debería descolgar o teléfono e reivindicar o que lle corresponde a Ponteareas pero non lle interesa porque enfrontarse ao PSOE supón poñer en perigo a súa cadeira de brazos de alcalde”, criticou Villar.

O PP espera contar cun respaldo unánime de toda a corporación, menos EU que xa manifestou sempre o seu voto en contra. “Esperamos que se aprobe e que o alcalde cumpla este acordo plenario, non como agora que se votou acordar que se mantivera o protocolo de 2015 e Represas permitiu na última reunión na Subdelegación do Goberno que o Ministerio de Fomento tirase o protocolo e a firma do novo convenio pola borda” sentenciou Villar.