Belén Villar solicita a comparecencia do alcalde para explicar a gravación dun videoclip con consignas independentistas no Concello

Ponteareas, 12 de marzo de 2019.- A voceira e candidata do PP á Alcaldía de Ponteareas, Belén Villar, solicitou, nunha rolda de prensa, unha comparecencia do alcalde para que explique por que permitiu a gravación dun videoclip con consignas independentistas no salón de plenos do Concello. “Unha decisión do alcalde que nos fixo ser noticia a nivel nacional e non deixaba en moi bo lugar a Ponteareas. Así que pedimos esa comparecencia urxente para que o señor Represas nos dea unha explicación coherente e evite, no futuro, que estes feitos volvan suceder”, afirmou Belén Villar.

Esta fin de semana, Belén Villar pediu unha aclaración ao alcalde, que nunca chegou, “xa que foi el, xunto co seu partido o BNG, e os seus socios do PSOE, os que autorizaron esa gravación. Algo incomprensible, xa que na letra tamén se fai referencia, de forma despectiva, ao presidente do PSOE, Pedro Sánchez, pero, polo que lin, Chus Garrote non ten ningún problema”, asegurou. “En todo caso consideramos que o alcalde non me ten que dar a min una resposta, senón a todos os cidadáns para os que goberna. Por tanto, o PSOE debería retirarlle o apoio ao BNG se este non pide desculpas”.

O Partido Popular considera que o contido da canción non é apropiado para ser transmitido desde una Institución. Consignas contra a Monarquía, o Estado e proclamando a independencia non son as adecuadas para proclamar nun salón de plenos municipal.