O DOG publica a autorización das ensinanzas de Bacharelato na modalidade de Artes no IES Val do Tea

Ponteareas, 25 de febreiro de 2019.- Tal e como anunciou hai uns meses,
logo dunha reunión en Santiago coa conselleira de Educación, a candidata
do PP, Belén Villar, informou que xa é oficial que os mozos de Ponteareas,
que o desexen, poderán cursar, no vindeiro curso 2019-2020, o
bacharelato na modalidade de Artes.
“O bacharelato de Artes en Ponteareas xa é unha realidade. Coa
publicación no DOG os que aínda dubidaban deste compromiso terán que
recoñecer que a Xunta de Galicia, unha vez máis, aposta polos veciños e
os mozos deste municipio. Soluciónase así unha antiga reivindicación de
todo o colectivo escolar. En todas as reunións que mantiven coa
conselleira de Educación, trasladeille a necesidade de poder ofertar esta
modalidade, xa que na actualidade os nosos mozos téñense que trasladar
a outros municipios máis afastados. O IES Val do Tea contará con esta
nova oferta polo que os alumnos da comarca, que o desexen, poderán solicitar aquí a súa matrícula. É unha excelente noticia para toda a
comunidade educativa e para o futuro dos nosos mozos”, asegurou Belén Villar.