Reunion Sector Taxi

O PP reúnese co sector do taxi para trasladarlle que o alcalde non ten interese en amortizar as licenzas

Ponteareas, 31 de enero de 2019.- O PP reuniuse co colectivo de taxistas para amosarlle a súa preocupación pola deixadez do alcalde, xa que perdeu os cartos de 2018 para amortizar as licenzas.

O Grupo Municipal do PP presentou unha moción no Pleno instando ao rexidor a que faga, urxentemente, unha modificación orzamentaria para dotar dunha partida económica, de como mínimo 75.000 euros, para amortizar varias licenzas de taxi, que se corresponden co diñeiro perdido do ano 2018 e co diñeiro mínimo a destinar neste ano 2019.

O PP quere lembrarlle ao alcalde que, en outubro de 2018, tras unha moción do PP, foi aprobada polo Pleno unha partida de 36.308,50 euros para destinar durante ese mesmo ano á amortización de varias licenzas, en cumprimento do acordo plenario de febreiro de 2015.

Rematado o exercicio 2018, perdéronse os cartos que estaban reservados no anterior orzamento porque non foi executado un expediente de amortización de licenzas de taxis. Na prórroga do orzamento para 2019 non aparece incorporada dita partida para este ano.

Para o PP está claro que ao alcalde non lle importa, en absoluto, este sector e, desde que chegou ao Concello, o ten esquecido por completo. “É impresentable que os taxistas teñan que soportar a ineficiencia do alcalde e a súa desidia. Non ten pensado facer nada, simplemente cruzarse de brazos como en tantas outras cuestións de Ponteareas. A pretensión do tripartito era eliminar dúas prazas por ano, a realidade é que xa termina o mandato e non se amortizou nin unha soa licenza”, afirma o PP.