2019011000313295801

O PP acusa ao alcalde de antepoñer o seu interese político aos da Plataforma N-120 e aos veciños de Ponteareas

Ponteareas, 24 de xaneiro de 2019.- O PP critica as últimas declaracións feitas polo alcalde nas que tratou de xustificarse publicamente ante o portavoz de EU de que “non foi el quen o botou fóra da reunión da variante de Ponteareas, se non que foron os membros da Plataforma”. Foi o alcalde quen invitou tanto aos membros da Plataforma como aos distintos voceiros municipais á reunión convocada por el mesmo e a sabendas de que xa o membro de EU manifestara que estaba en contra das demandas da Plataforma, tal e como quedou reflectido na acta do pasado pleno municipal.

Para o PP, “non se entende esta invitación ao voceiro de EU por parte do alcalde, nin cal é a intención que hai detrás, xa que o único que conseguiu con isto foi o malestar unánime de todos os veciños integrantes da Plataforma”.

O PP sempre estivo a favor das demandas da Plataforma, tanto para a mellora da seguridade viaria da N-120 como da Variante de Ponteareas, e se EU está en contra da construción da Variante polas razóns que sexan, entendemos que non tiña ningún sentido a súa presenza na reunión pasada nin, polo tanto, a súa invitación por parte do alcalde, posto que a devandita reunión era unicamente para tratar as medidas a tomar en conxunto pola Plataforma, co fin de que Ponteareas recupere o antes posible as partidas económicas para estas dúas actuacións que estaban aprobadas e reservadas nos Orzamentos do Estado do ano 2018 e aprobadas polo goberno do PP.

“O que o alcalde debería facer publicamente é recoñecer o logro de que por vez primeira, nuns Orzamentos do Estado, como foron os do ano 2018, aprobados por un goberno do PP, se reservasen 27 millóns de euros para estas dúas actuacións, partidas que, coa entrada do goberno do PSOE, as eliminaron dos seus Orzamentos”, asegura o PP. Asimesmo, o PP considera que Represas debería explicar que é o que fixo el como alcalde nestes case catro anos sobre estes dous asuntos de tanta importancia para Ponteareas e comarca. O único que fixo foi enviar escritos e nada máis. Esta foi a súa total preocupación.

“Este tipo de comportamentos por parte do alcalde xa non nos sorprenden para nada, xa que unha vez máis quedou demostrado que quere poñerse de perfil neste asunto e non dar a cara por ninguén, se non por el mesmo”, asegura o Partido Popular.

Dende o PP esperamos que o alcalde tome note desta gran incoherencia, xa que todos, o que debemos facer é estar unidos nesta xusta reivindicación e, por riba de todo, debemos apoiar incondicionalmente e sen politizar aos veciños ante este trato tan inxusto por parte do Goberno Central do PSOE.