Back View Backpack Bag 207697

Educación recorda que o peche da escola unitaria de San Mateo de Oliveira débese a que conta só con 3 alumnos matriculados

 O xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, asegura que chama a atención que agora o PSOE e o Bloque defendan manter aberta esta unitaria cando, na época do Goberno autonómico do Bipartito, tiñan a clara intención de pechala con 6.

 

O xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, insistiu hoxe no feito de que o peche da escola unitaria de San Mateo de Oliveira de Ponteareas débese única e exclusivamente o escaso número de alumnos matriculados cos que conta para o próximo curso: tres.

 

Tal e como explicou o responsable de Educación, a Consellería debe velar por un uso eficiente dos recursos educativos, polo que leva, dende 2009 aplicando o mesmo criterio á hora de pechar unitarias: con 5 ou menos alumnos péchase. De feito, en Ponteareas, manterase aberta outra escola unitaria, a de Pías, con 6 alumnos.

 

“Mantelas abertas cunha matrícula inferior non é viable nin económica nin pedagoxicamente”, engadiu, matizando que a escola se pechará, “porque o prazo de matriculación xa rematou e os datos, insisto, son claros: só hai tres nenos que tiveran intención de estudar neste centro o próximo curso. Ademais, o DOG xa recolleu, por este mesmo motivo, o peche desta escola”.

 

Como non podía ser doutro xeito, os alumnos de San Mateo de Oliveira, que forma parte dun CRA (colexio rural agrupado), teñen garantida a súa escolarización. De feito, hai dous centros a menos de dous quilómetros de distancia: o CEIP Mestre Ramiro Sabell (precisamente o centro de primaria de referencia ata agora para os alumnos desta unitaria) e o CEIP de Santiago de Oliveira.

 

As familias teñen a liberdade para decidir en cal dos dous queren escolarizar aos seus fillos. En ámbolos dous casos, trátase de centros que están perdendo matrículas de xeito acelerado, polo que é necesario velar polo seu funcionamento futuro máis inmediato.

 

Por último, cómpre lembrar que en marzo de 2009, o entón Bipartito xa decidira suprimir a unitaria de San Mateo de Oliveira cando tiña 6 alumnos matriculados. Deste xeito, e pese a atopar informes en contra realizados por el anterior responsable socialista de Educación, a actual Xunta decidiu mantela aberta.

 

Por tanto, chama a atención que agora o PSOE e o Bloque defendan manter aberta esta unitaria con tan só 3 alumnos cando tiñan a clara intención de pechala con 6 durante o seu Goberno na Xunta, como ocorreu con outras escolas unitarias, que chegaron a pechar naquela época con ata 10 alumnos matriculados.

 

En definitiva, a Consellería tomou unha decisión responsable, axustada a criterios técnicos de sobra coñecidos pola comunidade educativa (con 5 ou menos alumnos péchanse as unitarias) e que busca garantir o futuro dos colexios do concello, que na maioría dos casos están perdendo alumnado de forma xeneralizada.