IMG 20180712 121939

Un recurso turístico tan importante para Ponteareas como é o Castro de Troña presenta un estado de abandono total

O Castro de Troña enclavado na parroquia de Pías, foi declarado BIC no ano 2009, tamén na pasada lexislatura levouse a cabo un ambicioso Plan de eliminación das árbores invasoras, fundamentalmente eucaliptos e mimosas, para garantir a permanencia das estruturas habitacionais deste destacado enclave arqueolóxico do Concello de Ponteareas co fin de fomentar o seu potencial turístico.

Despois de tres anos de goberno tripartito no Concello de Ponteareas (BNG, PSOE e Riada do Tea), a desidia e o abandono predominan sobre este recurso turístico, o que fixo que a vexetación crecera sen control e na actualidade mostra un abandono total, o que supón un perxuizo para un entorno coma este.

No pasado mes de outubro os lumes que asolaron o noso concello queimaron ese entorno, e o Sr. Alcalde subcontratou a unha empresa para que cortara a vexetación queimada, pero que non retirou o cortado, senon que o deixou apilado en montóns encima das propias estruturas habitacionais do castro, e iso que pagou case 4.000€ polo traballo. E ainda hoxe, dez meses despois os restos atópanse no mesmo lugar e a vista de todos os visitantes e veciños.

A maiores, dende o Concello e despois dos incendios non se levou a cabo nin se fixo un plan preventivo ou de control do nacemento das especies arbóreas invasoras, e agora a mediados de xullo o crecemento de eucaliptos e mimosas está descontrolado, afectando ás propias estruturas. E por suposto, nada se fixo con respecto a un Plan Director de recuperación do Castro de Troña e da súa posta en valor.

O Partido Popular, a través da súa voceira Belén Villar, denuncia que no que vai de verán non se desbrozou nin se lle fixo un mantemento a este xacemento arqueolóxico, e a herba, as silvas, e os fentos “chegan ata a cintura”, non se visualizan os carreiros para poder visitar as casas, perdéronse os sinais indicadores, e debido á orografía todo isto supón un grave risco para as persoas que queiran visitar o lugar.

Tendo en conta que o noso Concello forma parte do Xeodestino Turístico Condado-Paradanta, e o Sr Represas é o encargado de xestionar conxuntamente cos restantes concellos os recursos turísticos naturais, patrimoniais e culturais dese ámbito, parece mentira que non teña un pouco mais de sensibilidade con un recurso turístico do seu pobo, tan senlleiro, como é o Castro de Troña.