O Goberno de Ponteareas non admite a proposta do PP de restablecer os servizos municipais

O PP de Ponteareas propón destinar dúas partidas económicas de 30.000€ cada unha do Orzamento 2018 para o restablecemento dos servizos municipais do CIM e Drogodependencia.

O pasado mes de marzo o Sr. Represas anunciou que ía reunirse con todos os grupos políticos para dialogar e chegar a un entendemento á hora de elaborar o Orzamento do 2018. Tras 3 meses sen ser convocados a ningunha reunión, o pasado 4 de xullo o PP de Ponteareas presentou unha serie de propostas ao documento Orzamento 2018.

Entre esas propostas figuraban o restablecemento do servizo municipal, atendido con empregados municipais, do Centro Información á Muller (CIM) e o Servizo de Drogodependencia. Pero o Goberno actual non admitiu a proposta do PP de Ponteareas de destinar 30.000€ a cada un destes servizos para recuperar ós empregados municipais. O Goberno privatiza totalmente estes dous servizos, co consecuente empeoramento da calidade.

Desde o PP de Ponteareas non entendemos como o representante de EU que sempre defendeu os servizos municipalizados estea de acordo agora coa privatización dos mesmos, e non poña reparos a que no orzamento deste ano 2018 o goberno elimine a partida económica de persoal destinada a empregados municipais. Xa nas contas do último ano pechado, ó 2017, refléxase que se produxo un aumento na subcontratación do servizo do CIM que superou os 26.000 euros con respecto ao ano anterior, e este próximo, tendo en conta que eliminan o persoal municipal, vai polo mesmo camiño.

Desde o PP de Ponteareas negámonos a que servizos que sempre funcionaron correctamente cos empregados municipais e neste caso cun equipo de persoal que atendía a demanda de xeito moi adecuado e profesional, sendo estes servizos un referente na nosa comarca, agora, con esta forma de xestionar do Goberno municipal a calidade dos servizos estase vendo mermada e por tanto perxudícase aos cidadáns. Polo que solicitamos ao Sr. Represas que reconsidere a proposta do PP de destinar dúas partidas económicas por un total de 60.000€ no Orzamento 2018 para o restablecemento dos servizos municipais do CIM e Drogodependencia.