Belen5

O PP denuncia unha vez máis a utilización partidista que o goberno fai da web municipal

Dende o GM do PP, unha vez máis, queremos denunciar a utilización reiterada que con intereses claramente partidistas se está a facer coa web do concello por parte do goberno municipal.

O portavoz do PP, Salvador González Solla, sinalou que cada vez é máis frecuente que dita páxina que debería ter un carácter unicamente institucional e de información ós cidadáns, se utilice por parte do goberno como medio para difundir as súas controversias co principal partido da oposición e o que é máis grave aínda, que se use para facer pura crítica contra o anterior goberno e contra o PP”.

Para o PP, a utilización partidista dos medios de comunicación públicos e institucionais por parte do goberno para facer política contra a oposición é un claro exemplo de falta de transparencia e de escaso sentido institucional de quen agora goberna.

Para Solla, se o goberno quere criticar o goberno anterior e ao PP, deberíano facer cos seus propios medios e non usando os medios públicos do Concello, que son de todos e que pagamos todos.

Para o PP, uns feitos tan graves como estes, non son froito da casualidade, xa que consideramos que o Alcalde e o seu goberno confunden intencionadamente o público co partidista, como se estes recursos do Concello foran do BNG,PSOE e de ART.

Para o portavoz do PP, todo isto é unha vergonzosa falta de ética e un exemplo claro de “xogo sucio” que propicia o “todo vale”, e por suposto que non consentiremos que se sigan utilizando os medios municipais para os seus intereses partidistas, faltando reiteradamente á verdade e silenciando as iniciativas e propostas doutros grupos municipais.

Por esta razón solicitaremos no próximo pleno municipal que o Alcalde e o seu goberno “cesen de maneira inmediata con esta utilización dos recursos públicos pagados dos petos de todos os veciños/as de Ponteareas con fins exclusivamente políticos.