O PP esixe que as melloras salariais sexan para todos os traballadores do concello

 

-O PP esixirá ao Goberno que unha vez firmado o Convenio dos traballadores laborais que supón melloras nos seus salarios por 323.000€, agora o Goberno debe acadar un acordo para os traballadores funcionarios.

-A modificación do orzamento que debe aprobarse polo Pleno municipal debe dar cobertura conxunta a funcionarios e laborais, porque todos os empregados teñen os mesmos dereitos.

O grupo municipal do PP ven de presentar no Concello unha Moción para debate no próximo Pleno municipal, na que esixe ó Goberno local que agora que remataron a negociación do Convenio dos traballadores laborais no que se inclúen melloras salariais por importe de 323.000€, o PP pide que se faga o mesmo cos funcionarios porque todos os traballadores deben ser tratados por igual, e non existir discriminacións como pretende facer este Goberno.

Belén Villar, concelleira do PP explica que a pesares de non estarmos dacordo co texto definitivo do Convenio de Laborais porque entendemos que hai puntos que deberían modificarse, estamos na liña de facilitar esta mellora para os traballadores, pero entendemos que unha vez firmado o Convenio de Laborais o Goberno debe rematar o acordo regulador para os Funcionarios e as retribucións salariais dos mesmos, e acadar o consenso necesario cos representantes sindicais do mesmo xeito que acadaron para os traballadores laborais, e será nese momento cando proceda que no Pleno municipal se ratifiquen ambos acordos (funcionarios e laborais) e se dote económicamente de partida no orzamento no seu conxunto, porque todos os traballadores deben ser tratados por igual.

Dende o grupo municipal do Partido Popular, solicitamos na Moción presentada que o Goberno municipal, se quere contar co apoio do grupo popular, debe levar ó Pleno as melloras salariais tanto dos laborais como dos funcionarios.

Continúa Villar, o Goberno deberá tamen facilitar ós membros da Corporación municipal informe técnico do Responsable do departamento de Persoal con importe detallado das prazas vacantes na actualidade, indicando cales teñen o seu saldo comprometido e por cánto importe, así como detalle de prazas vacantes por xubilación que se producirán durante este ano 2018, 2019 e 2020, para verificar que efectivamente as melloras nos salarios de funcionarios e laboráis non se poden acometer nun só ano como propón o PP.