O PP pide que as táboas salariais do Convenio Laboral sexan aplicadas ó 100% no ano 2018

 

-O Concello pode asumir neste ano a subida dos 323.000€ que supón a firma do Convenio porque a situación económica é mellor, porque existen prazas vacantes e porque o fraccionamento da Seguridade Social que se pagaba dende fai 10 anos tamén se rematou co cal quedan liberados máis de 500.000€ ó ano.

O grupo municipal do PP vén de presentar no Concello un escrito con propostas para incluír no Convenio Colectivo do Persoal Laboral que elabora o goberno municipal, e que despois de ter acceso ó mesmo o pasado 7 de xaneiro, consideramos preciso que se lle incorporen algunhas modificacións beneficiosas para o conxunto dos traballadores municipais.

A intención do grupo popular, segundo Belén Villar, é facilitar a aprobación dun Convenio que na actualidade está obsoleto, tanto no seu texto como nas retribucións económicas. Isto mesmo xa foi tentado no ano 2011 cando gobernaba o PP, incluíndose laborais e funcionarios, e aínda que os sindicatos estiveron de acordo, a proposta quedou sen aprobar porque os informes técnicos de interventor e secretaria municipais foron desfavorables porque supuña un incremento de salarios de 1,1 millón de euros ó ano.

Na actualidade, a situación económica e moi diferente á que había fai sete anos e entendemos que é posible aprobar ese Convenio para o Persoal Laboral xunto coas novas táboas salariais, do mesmo xeito que haberá que facelo para o Persoal Funcionario.

A proposta que fai o Goberno supón unha subida de 323.000€ a facer progresivamente durante tres anos entre os traballadores laborais, mentres que o PP, afirma Belén Villar, considera que este importe debe asumirse nun só ano, porque nestes momentos o Concello si pode facelo pola mellor situación económica, porque hai cartos das prazas vacantes e porque rematouse co pago da histórica débeda coa Seguridade Social o que supón dispor ó ano doutros 500.000€

Amais de aportacións para mellorar as táboas salariais, o PP tamén propuxo modificar algúns dos artigos do Convenio, porque afirma Villar, non é moi normal que a Comisión Paritaria que é o órgano que decide sobre a interpretacións do Convenio ou sobre a concesión de pluses a traballadores, estea formado por representantes de sindicatos e non polos membros do Comité de empresa que son ós que realmente elixen os traballadores cando hai eleccións.

Tamén pedimos que se engada un novo artigo no Convenio, para que aqueles traballadores que presten servizos en categorías superiores teñan dereito a percibir as retribucións establecidas para eses postos.

E finalmente solicitamos que eliminen o “sistema de concurso” que propón o Goberno porque non é un sistema de selección de persoal que garanta os principios de igualdade, mérito e capacidade, xa que nel só se valoran os méritos. Resulta bastante contraditorio e curioso que grupos como BNG e PSOE, que sempre falaron de que no Concello había “enchufismo” hoxe pretendan fixar como forma de selección do persoal este sistema que non require ningunha proba.