Edificio Concello2

O PP acusa ao Goberno local de sacar “tarde, mal e arrastro” as subvencións para as asociacións

 

  • Sacan tres liñas de subvencións con tan só sete días naturais dende a súa publicación no BOP (04/12/2017) para a presentación das solicitudes e menos dun mes para executar o proxecto subvencionado e a súa xustificación ata o 27 de decembro de 2017.

O pasado 4 de decembro, o BOP publicaba unhas convocatorias de axudas do concello de Ponteareas, dirixidas aos distintos colectivos municipais para a realización de investimentos e outras actuacións lúdicas-sociais por un importe total de 34.000 euros.

O curioso de todo isto é que tan só lles dan sete días naturais, a partir da publicación das axudas no BOP (4 de decembro), para a presentación das distintas solicitudes e ata o 27 de decembro para a súa realización e xustificación e tendo en conta todos os festivos deste mes de decembro.

Para o PP, esta forma precipitada de proceder e actuar deste goberno obedece, unha vez máis, á súa nula planificación e nefasta xestión municipal que levan a que unicamente saían favorecidos aqueles colectivos que xa teñen con bastante anterioridade executadas as obras en detrimento daqueles que as queiran solicitar e executar e xustificar en menos de 15 días.

Ademais, se isto fora pouco, a axuda máxima por proxecto será do 80% esixíndolles o Concello aos beneficiarios a que invistan o 20% restante con fondos propios das Asociacións ou colectivos.

Dende o PP queremos recordar que estas liñas de axudas que agora pon en marcha o Concello veñen, dalgunha maneira, a substituír as liñas que ata o ano 2015 a Deputación Provincial de Pontevedra, gobernada polo Partido Popular, tiña para axudas directas a estes colectivos e asociacións para poder investir nas súas propias infraestruturas, e que o novo goberno da Deputación PSOE-BNG as eliminou, xustificándose en que deben ser os concellos os que promovan estas axudas xa que son as administracións que mellor coñecen as necesidades destes colectivos, incrementándolle para elo a aportación económica no Plan de Concellos.

Pero na realidade é ben distinto, xa que en anos anteriores o ano 2015 a Deputación Provincial destinaba en axudas a estes colectivos e asociacións de Ponteareas entre 100.000 e 150.000 euros anuais, mentres que no que foi o ano 2016 e 2017, nada de nada, e agora tarde, mal e arrastro, o Concello investirá tan só 34.000 euros, pese a que todos os grupos da oposición levamos tempo solicitándolle ao goberno que puxera en marcha estas axudas e por suposto con maiores importes dos que acaban de aprobar.