Rueda Prensa 13nov  Subvencion 1 Millon€

O alcalde minte a cidadanía para buscar culpables ós que atribuir os seus erros, cando el é o único responsable da perda da subvención de 1 millón euros

  • O PP está de acordo coa obra de Rede de Calor con biomasa, pero unha cousa é aprobar a súa adxudicación e outra ben distinta é facelo cun procedemento irregular tal e como se advirte nos informes dos técnicos

 

Ante as últimas manifestacións realizadas polo Alcalde culpabilizando á oposición é en especial ao PP de “falta de responsabilidade e covardía política” por impedir que o Pleno aprobase a adxudicación do contrato da obra de construción dunha Rede de Calor con biomasa, queremos afirmar rotundamente que o único culpable é responsable da perda da subvención de 1.000.000 de euros para o noso concello é o Sr. Alcalde e o seu Goberno, xa que hai máis dun ano que iniciaron este expediente e agora, a falta de 10 días para a súa xustificación, nin sequera tiñan adxudicado o proxecto de execución, paso previo para posteriormente convocar outro pleno e adxudicar as obras.

Dende o PP queremos denunciar a “desfachatez coa que o Sr. Represas e o seu goberno menten á cidadanía” porque a convocatoria destes dous últimos plenos extraordinarios urxentes, dos días 7 e 8 de novembro, só tiñan un claro obxectivo, que era buscar unha escusa para botarlle a culpa á oposición evadindo así o Alcalde e o seu Goberno as responsabilidades que teñen, porque demoraron a tramitación durante meses desta adxudicación e agora o tempo era insuficiente, e non o dicimos os concelleiros, senón que consta nun informe do Enxeñeiro Municipal que afirma que “sería tecnicamente imposible” facer unha obra en 9 días cando no proxecto básico aprobado polo pleno figuraba un prazo de execución de 9 meses.

Tamén, dende o PP queremos deixar claro que estamos a favor da realización desa obra, cousa que xa quedou demostrado no pleno extraordinario urxente celebrado o 15/6/2017, cando votamos a favor do proxecto modificado. Pero unha cousa é aprobar a adxudicación dunha obra e outra ben distinta é unha tramitación irregular do resto do expediente de contratación, que foi unha verdadeira chapuza con reiteradas irregularidades postas de manifesto nos dous informes desfavorables da Secretaria Habilitada Municipal.

O GM do PP non quixo participar nunha adxudicación irregular, na que a propia Secretaria Municipal advirte de distintos incumprimentos como son a falta dun informe da Arquitecta Municipal que xustifique e motive a excepcionalidade da contratación conxunta do proxecto e da execución das obras, ou a falta tamén da autorización da Consellería de Educación para a instalación dos depósitos de inercia nos dous centros educativos segundo os informes da Arquitecta Municipal, ou a abstención dos membros natos da Mesa de Contratación, Interventor e Secretario, que son os que dan garantías ós concelleiros da corporación municipal de que o expediente de adxudicación cumpre coa legalidade, e finalmente que o Alcalde acorda requirir a unha das empresas o aval e a documentación cando isto é unha competencia do órgano de contratación que é o Pleno e sempre despois de adxudicar á empresa o Contrato, nunca antes.

MENTIRAS DO SR. REPRESAS

É totalmente falso que “o proxecto se dilatase na fase inicial pola carencia de técnicos habilitados que realizaran os informes oportunos”, xa que o que único que fixeron dende a aprobación do proxecto modificado o 15/6/2017 foi agardar durante dous meses a que a Secretaria Municipal se fora de vacacións para elaborar toda a documentación e informes, e convocar un pleno extraordinario urxente o 7/8/2017 para aprobar o concurso público.

Respecto a que o único que fixo o PP foi poñer trabas tampouco é certo, xa que a nosa responsabilidade é controlar e fiscalizar ó goberno e non podemos permitir que o Sr. Alcalde ademais de saltarse a legalidade queira atribuírse competencias que lle corresponden ao pleno (como a sinatura do préstamo coa Deputación, como requirir documentación e o aval a unha empresa sen que o Pleno que ten a competencia lle adxudicara o Contrato, entre outras actuacións). E tampouco se lle pode cuestionar ó grupo popular que presentase un recurso, como única vía posible, para que o Goberno corrixira, antes de continuar co expediente, as irregularidades que a Secretaria Municipal indicaba no seu informe.

Respecto a que non importaba que só faltasen 10 días para ter rematada e xustificada a obra porque a responsabilidade de non rematar en prazo era da empresa adxudicataria, tampouco é certo, porque non había no expediente ningún documento que manifestase ese compromiso por parte das empresas. E no que se refire a pedir un aval ou documentación a unha empresa antes de ser adxudicataria, como fixo o Alcalde, é algo irregular, e “casualmente” só o fixo con unha empresa e non con todas as aspirantes, e foi antes de que o Pleno lle adxudicase o Contrato.

Para rematar,  queremos deixar claro que o PP está a favor da realización desa obra de Rede Distribución de Calor con Biomasa, e de obras coma esta que aportan beneficios ambientais e económicos ó noso pobo, e que semellan a outra obra realizada fai anos na piscina municipal (instalación de rede de calor con biomasa). Pero o que non vamos a tolerar é que o Goberno despois de meses de parálise dun expediente, sen resolver os informes desfavorables dos técnicos, queira xerar presións sobre os concelleiros da oposición para que voten a favor de algo que é ilegal.