Salvador3

O PP insta ao Goberno local a que invirta a baixa da obra do saneamento da Serra en continuar co saneamento da parroquia de Arcos

 

  • Para o PP o saneamento é unha necesidade básica que o actual goberno local non prioriza.

Na pasada lexislatura o saneamento parroquial foi, entre outras, unha das prioridades dentro da planificación estratéxica do anterior goberno do PP presidido por Salvador González Solla.

Dentro desta  planificación rematouse o saneamento integral das parroquias de Xinzo, Areas e Arnoso, ao mesmo tempo, leváronse a cabo distintas fases nas parroquias de Bugarín, Prado, Angoares, Padróns e Arcos.

Unha destas obras incluída no “Plan Provincial de Obras e Servizos 2015”, foi o proxecto da 1ª fase do saneamento da parroquia de Arcos, proxecto aprobado polo PP para o que dispuxo dunha partida económica de máis de 140.000 euros.

Posteriormente, e unha vez adxudicada a obra polo goberno do PP produciuse unha baixa económica de 23.000 euros.

Agora, rematada a obra, o Sr. Represas decretou destinar este remanente para levar a cabo o proxecto titulado “Actuacións varias no termo municipal” por importe de 23.000 euros. Ante este anuncio, dende o PP esiximos que estes fondos se destinen para investir no saneamento xa iniciado na parroquia de Arcos tal e como fixera Salvador González Solla na pasada lexislatura.

Na actual lexislatura, con maiores ingresos procedentes principalmente do 100% do PIE (máis de 200.000 euros ao mes), o triste é que o actual goberno non priorice o saneamento das nosas parroquias, tan só recordar que cando estaban na oposición esixían que se saneara de forma integral o conxunto do concello e agora no goberno miran para outro lado e invisten mínimas partidas para saneamento. Neste sentido, dende o PP pedimos ao goberno local que priorice e continúe cos saneamentos xa iniciados nas pasadas lexislaturas do PP.