Vertido Al Rio En Pardellas2

O Goberno non informa aos bañistas dos areais de San Roque, Moscadeira e Ponte das Partidas dun vertido de fecais ao Tea en Pardellas

Técnicos da Confederación Hidrográfica Miño-Sil tomaron mostras do vertido para depurar responsabilidades.

No día de onte, técnicos da Confederación Hidrográfica Miño-Sil tomaron mostras, no leito do río Tea, das augas fecais procedentes dun vertido dun dos pozos de bombeo do saneamento municipal situado ao carón do campo de fútbol de Pardellas.

A mancha procedente deste vertido, onte a mañá, xa era visible preto da ponte da N-120, pero o curioso é que o goberno local non tomou ningunha medida de protección nin informou aos bañistas dos areais de San Roque, A Moscadeira e da Ponte das Partidas, do vertido acaecido augas arriba, pondo en serio perigo a súa saúde destes bañistas que no día de onte se achegaron a estes areais.

No que vai de lexislatura, desde o GM do PP de Ponteareas, en diversas ocasións, esiximos ao Alcalde Nacionalista, Xosé Represas, que revisaran os pozos e estacións de bombeo do saneamento para evitar vertidos como os de: Areas, Arnoso, Bugarín, Avda. Castelao, Cobas… ou os malos cheiros de Avda. Castelao e Trobador Xoán García de Guillade; pero como nos van tendo acostumados, en vez de facer unha labor preventiva de mantemento e revisión, esperan a que o dano estea feito para actuar e iso que agora teñen contratado unha empresa externa para o mantemento dos pozos de bombeo.

Agora só queda agardar pola multa que, unha vez máis, imporá a Confederación Hidrográfica Miño-Sil ao Concello de Ponteareas e que será pagada cos cartos dos veciños e veciñas de Ponteareas, que en vez de ser destinados a pagar multas estarían ben empregados en cubrir en moitas das necesidades básicas dos cidadáns de Ponteareas.

Para o Partido Popular de Ponteareas, esta non deixa de ser unha nova mostra da descoordinación do goberno ponteareán, que apesares de haber contratado unha nova empresa para que faga o mantemento destes bombeos, o goberno non lle fai un seguimento do cumprimento do contrato.