En plena tempada estival a Oficina de Turismo de Ponteareas segue pechada a pesar de que o Concello contratou unha Técnica de Turismo

A piques de rematar a tempada estival na que unha multitude de visitantes e turistas achegáronse a Ponteareas e á comarca do Condado para poderen disfrutar dos seus recursos naturais e culturais e atopáronse que a Oficina de Turismo do Concello de Ponteareas, situada na rotonda da estrada de Mondariz, segue pechada e chea de maleza, nun claro estado de abandono.

Recordemos que o Alcalde, Xosé Represas, o pasado 11 de abril, decretou contratar a unha Técnica de Turismo para un período de 6 meses, apesares de haber contratado esta técnica en Turismo a oficina estivo pechada durante toda a tempada estival.

Por outra banda, a concelleira de Turismo non fixo nada para potenciar o turismo nin dar información aos turistas e visitantes, xa que se achegan á porta da oficina e non hai unha indicación onde poidan ir recoller información turística de Ponteareas nin da comarca.

Esta é a realidade do Turismo de Ponteareas, a oficina abandonada e pechada, as distintas áreas de recreo con mesas e bancos rotos, con contedores e papeleiras cheas de lixo, os areais sen limpar, como no caso da Freixa onde tiveron que ser os propios veciños os que recolleron o lixo; no Castro de Troña cada vez desbrozan menos, polo que as campañas de desbroce e mantemento integrais levadas a cabo na pasada lexislatura non valeron de nada, agora so se limpa arredor da capela do Doce Nome, as mimosas volven a invadir o xacemento.

Isto demostra a total desidia e desinterese dunha concelleira de Turismo e do Alcalde que non son capaces de facer o máis elemental para potenciar o turismo de Ponteareas.