Alfombra3 Corpus Ponteareas 2016

O PP está a favor de que as universais alfombras do corpus Christi pontareán sexan declaradas Ben de Interese Cultural

 

Dende o PP queremos deixar claro o noso rotundo apoio a que a igrexa de San Pedro de Angoares e as alfombras florais do Corpus Christi sexan declarados BIC, como tamén sempre estaremos de acordo con todas aquelas iniciativas tendentes a mellorar, pór en valor, protexer e difundir todos aqueles aspectos culturais e patrimoniais do noso concello.

No Pleno da Corporación Municipal de Ponteareas acordouse solicitar á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a incoación do procedemento para declarar Ben de Interese Cultural para a igrexa de San Pedro de Angoares e para as alfombras florais do Corpus Christi.

No Concello de Ponteareas, a tramitación para conseguir este recoñecemento para as nosas alfombras florais xa foi iniciada por Gobernos anteriores fai moitos anos, pero non se chegou a conseguir porque a Lei 8/1995 no seu Título IV e Artigo 65 so permitía declarar BIC un “ben inmaterial” “Cando estean en previsible perigo de desaparición, perda ou deturpación”. Polo que  esta indefinición legal creaba problemas de adecuación das alfombras florais do Corpus Christi ponteareán á LEI.

Dende o ano pasado a Lei 5/2016 mudou, introducindo a posibilidade de que bens de carácter inmaterial estean dentro dos posibles a recoñecer como BIC, e dado este cambio no Concello vaise retomar a tramitación para lograr obter esta declaración.

O grupo municipal Popular criticou ó Goberno e en particular a Concelleira de Cultura Hortensia Bautista, porque pretendía enviar á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia unha Memoria das alfombras florais do Corpus Christi de Ponteareas que estaba incompleta, sen asinar, con graves lagoas documentais, carente de rigor e que presentaba multitude de erros no seu texto e nas datas que alí figuraban, esquecendo incluso mencionar na mesma que a festividade do Corpus fora declarada en 1980 como Festa de Interese Turístico Nacional ou que estaba declarada de Interese Turístico Internacional no ano 2009.

Por estes motivos, o PP solicitou a retirada deste punto da Orde do día do Pleno para  que o Goberno corrixira e ampliara a Memoria presentada. Ante a negativa do Alcalde de retiralo para que puidera ser traído ao próximo Pleno un documento acorde coa transcendencia desta festa, o PP abstívose na aprobación desa Memoria ó considerar que a mesma non estaba ben documentada nin tiña o rigor necesario para un documento dese calado e, desde o PP, cremos que a proposta presentada é froito da improvisación e das présas, o cal non quere dicir que dende o PP non esteamos a favor de que as alfombras de flores do Corpus Christi sexan catalogadas como BIC.

Para rematar, dende o PP sempre estaremos apoiando para que se continúe traballando para lograr a máxima protección e recoñecemento posible das alfombras de flores do Corpus Christi de Ponteareas, como fixemos no ano 2009 coa consecución da declaración de Festa de Interese Turístico Internacional, o que si pedimos ao goberno local é que o faga máximo rigor e non, como nos teñen acostumados, de maneira improvisada e chapuceira.